O alcalde recibe a Miguel Álvarez, mozo ourensán que evitou que unha muller se lanzase ao baleiro na rúa do Bierzo

Redacción

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Administración Xeral, Antonio Fernández, recibiron esta mañá no Concello a Miguel Álvarez, o mozo ourensán de 19 anos que o pasado venres evitou que unha muller se lanzase ao baleiro na rúa do Bierzo.

O mozo interveu con rapidez e suxeitou a muller en dúas ocasións cando esta se atopaba xa sobre a varanda da rúa, manténdoa a salvo ata a chegada dos axentes da Policía Local, que aseguraron o lugar e se fixeron cargo da asistencia. A actuación de Miguel resultou crucial para gañar uns minutos determinantes ata a chegada das forzas de seguridade.

O alcalde quixo trasladarlle persoalmente a Miguel o agradecemento do Concello pola súa intervención, e felicitación e recoñecemento pola súa valentía e rápida actuación, fundamentais para evitar un fatal desenlace e un exemplo de compromiso cidadán para toda a veciñanza.

Miguel Álvarez, que actualmente se está a formar como socorrista, contou como viviu a situación: «Ía baixar da miña casa para ir comer á dos meus avós, sobre as 14.10 h e vin unha muller asomada nas escaleiras. A primeira vez non me pareceu nada raro e pensei que estaría agardando. Ao rematar de comer, volvín subir para ir á miña casa e seguía alí. Xa me pareceu un pouco raro. Baixei outra vez e seguía aí. E logo, ao subir, xa a vin cun pé pasado da varanda, fun correndo e agarreina. Pregunteille que tal estaba, se lle pasaba algo, e díxenlle: “Acompáñeme un pouco que lle vou dar unha botella de auga”. Tardei nada, 20 segundos, subín a casa e chamei a miña nai para dicirlle que avisase a Policía. E cando baixei de casa, estaba a señora outra vez cun pé xa pasado. E nada, xa estiven aí con ela e chegou a Policía».

Comparte este artigo