A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo cos responsables das catro confederacións empresariais galegas para analizar as súas principais necesidades e preocupacións. Ao remate do encontro, Lorenzana salientou o labor que desenvolven estas organizacións na representación e defensa dos intereses das pemes e das persoas autónomas de Galicia, destacando o seu papel como interlocutores do tecido empresarial galego nun contexto marcado polos retos da competitividade e a transformación dixital nun mundo cada vez máis cambiante e globalizado.
Á reunión asistiron os presidentes das Confederacións de Empresarios da Coruña, Ourense e Pontevedra, Antonio Fontenla, David Martínez e Jorge Cebreiros, respectivamente, mentres que pola Confederación de Empresarios de Lugo participou o seu secretario xeral, Jaime Luis López.

