Incorpora ás asociacións BaRes Mos e Acesmos e acorda solicitar un radar fixo e unha actuación coordinada das administracións
A Mesa do Camiño reuniuse esta tarde no Pazo de Mos para abordar a situación do Camiño Portugués ao seu paso pola N-550, un dos puntos que máis preocupación esperta entre os colectivos e as administracións tras o accidente sufrido recentemente por unha peregrina.
A sesión comezou coa ampliación da composición da Mesa, que aprobou a incorporación da Asociación de Hostaleiros e Turismo de Mos (BaRes Mos) e da Asociación de Comerciantes e Servizos de Mos (Acesmos).
Na reunión participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o responsable do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia, Marcos Gómez Román; o deputado provincial Javier Tourís; os concelleiros Sara Cebreiro e Baldomero Lorenzo; representantes das comunidades de montes de Guizán, Mos e Louredo; das asociacións veciñais e culturais Santa Baia, Veigadaña, Chan do Bosque, Fundación Pazo de Mos, Amigos do Camiño, Aemos e Asociación Cultural A Cividade, ademais da Tapería Alpendre. Escusaron a súa asistencia Tapería Flora e a tenda Bocamiño.
Durante a reunión analizouse a situación da N-550 ao seu paso por Mos (para o que tamén se uniron os concelleiro do PP Leo Costas e a concelleira do BNG Sara Samartín, que xa forman parte da Comisión de Seguimento da N-550), un tramo no que conflúen un intenso tráfico diario, un elevado número de vehículos pesados e o paso de milleiros de peregrinos, o que fai aínda máis necesaria a adopción de medidas que reforcen a súa seguridade.
Outro dos asuntos que xerou maior preocupación foi o recente cambio da sinalización horizontal entre as inmediacións do Mercadona e o cruzamento da Quiringosta, onde a liña continua foi substituída por unha descontinua. Os asistentes coincidiron en expresar o seu desacordo con esta modificación ao considerar que pode incrementar o risco nun tramo especialmente sensible.
Durante o encontro tamén se deron a coñecer datos facilitados polo servizo municipal de Emerxencias, segundo os cales entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo rexistráronse 108 incidencias atendidas polo 112 entre Os Valos e o Mercadona, entre accidentes de tráfico, caídas e atropelos de animais, o que supón unha media de quince incidencias ao mes.
Entre os acordos adoptados figura a solicitude ao Ministerio de Transportes da instalación dun radar fixo no tramo limitado a 50 quilómetros por hora comprendido entre a rotonda do Mercadona e o cruzamento da Quiringosta, ante o incumprimento xeneralizado do límite de velocidade.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia comprometeuse a que os seus técnicos do Camiño de Santiago elaboren un estudo para analizar alternativas que eviten que os peregrinos teñan que cruzar a N-550, valorando opcións como a construción dun paso elevado ou soterrado e revisando tamén a sinalización do itinerario noutros puntos do trazado.
Así mesmo, a Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Concello promoverán unha reunión técnica sobre o terreo para estudar posibles alternativas de mellora e de modificación do trazado, co obxectivo de presentar unha proposta conxunta e sólida ante o Ministerio de Transportes.
Durante o debate, o deputado provincial Javier Tourís defendeu como solución de futuro a conversión deste tramo da N-550 nunha travesía urbana e puxo os servizos técnicos da Deputación á disposición do Concello para colaborar na procura dunha solución. Pola súa banda, Marcos Gómez Román incidiu en que, malia tratarse dunha estrada de titularidade estatal, a Xunta colaborará na procura de alternativas que melloren a seguridade do Camiño.
A Mesa do Camiño quixo tamén facer un chamamento á participación na concentración convocada para este MARTES no lugar do accidente, na que se realizará un corte de tráfico para reclamar actuacións urxentes que garantan a seguridade dos peregrinos e dos veciños neste tramo da N-550.

