Foz estrea o Arao Festival: a nova proposta musical que aposta polo talento emerxente co apoio da Deputación

Redacción

– A Presidenta da Deputación e o Alcalde deste municipio presentaron esta cita que se celebrará o próximo 7 de agosto na explanada portuaria de Foz. O evento reunirá a artistas emerxentes galegos e internacionais

– “Apostamos por este proxecto porque a cultura é unha moi boa ferramenta para dinamizar os nosos concellos, para atraer xente e para xerar oportunidades. Para nós investir en cultura é investir na economía local”, avanzou a mandataria provincial

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Foz e Deputado Provincial, Francisco Cajoto, presentaron este mércores na Praza Conde de Fontao o Arao Festival, a nova cita musical organizada polo concello focense que terá lugar na explanada do porto este venres 7 de agosto. A institución provincial colabora con este evento, que se celebra no marco das Festas de San Lourenzo, cunha achega económica de máis de 18.000€.

Durante a presentación, Carmela López felicitou ao Concello de Foz e a todas as persoas implicadas na organización deste festival “porque poñer en marcha un proxecto deste estilo nunca é doado, hai moito traballo e moito esforzo detrás, pero cando hai vontade de facer cousas novas, de ofrecer alternativas e de apostar pola cultura, sempre merece a pena dar ese paso”.

Así mesmo, destacou tamén o valor dun cartel que combina artistas galegos consolidados con “xente nova que está empezando a abrirse camiño no panorama musical” e recalcou especialmente que “é importante apoiar aos grupos que xa contan cunha relevante traxectoria profesional, pero abrir as portas aos novos talentos tamén o é”.

Sobre a colaboración da institución provincial sinalou que “decidimos apostar por este proxecto, porque somos plenamente conscientes de que a cultura á unha moi boa ferramenta para dinamizar os nosos concellos, para atraer xente e para xerar oportunidades. Para nós investir en cultura é investir na economía local, porque eventos como o Arao Festival repercuten directamente na hostalería, no comercio e nos negocios de Foz”.

Pola súa banda, o Alcalde de Foz convidou á veciñanza e aos visitantes que están a pasar o verán na Mariña a achegarse este venres ao Porto de Foz para desfrutar da primeira edición deste festival e avanzou que “está pensado especialmente para a mocidade”. O tamén Deputado Provincial sinalou que a cita arrincará ás 23:00 horas e inclúe a actuación de Monolious Dop, Tapa d’Orella, Xmaseda e o artista internacional Lauta. Ademais, a noite completarase coas sesións de DJ Litainer e Eventec. 

Comparte este artigo