O Concello do Porriño inicia as obras de ampliación da rede de saneamento e mellora de infraestruturas no núcleo rural de Budiño-Trapa

Redacción
  • O alcade, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal
  • No mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obas de saneamento en cada unha delas
  • A actuación conta cun orzamento base de licitación de 220.430,31 euros está subvencionada a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. 

O Concello do Porriño está a acometer novas obras de saneamento no núcleo de Trapa, pertencente á parroquia de San Salvador de Budiño. A nova rede discorrerá ao longo do camiño principal do núcleo rural e conectará co colector existente no núcleo do Mosteiro, incorporando ao sistema xeral de saneamento de xeito directo a un conxunto de vinte vivendas existentes na zona.

Son en total 640 metros de tubaxe. Así mesmo, construirase unha rede de cunetas para optimizar a evacuación das augas pluviais na contorna, reporase un tramo da rede de abastecemento de auga e recreceranse as tapas de rexistro.

Ademais, aproveitarase a apertura de calzadas para renovar a rede de iluminación pública, substituíndo 12 luminarias antigas por novos equipos de tecnoloxía LED de 40 W de baixo consumo enerxético e renovando o tendido aéreo. Ao remate da obra estenderase unha nova capa de rodadura ao longo de todo o vial afectado.

Trátase dunha obra cunha importante inversión de 220.430,31  euros que conta cunha subvención a través da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explica que o saneamento integral do municipio é unha prioridade para o goberno municipal. De feito, no mes de agosto iniciarase un calendario de reunións veciñais polas parroquias para explicar as obras de saneamento que se van levar a cabo en cada unha delas que se extenderá ata setembro. 

Esas reunións comezarán en Cans, o 4 de agosto, e seguirán todos os martes dese mes e de setembro polas diferentes parroquias: Mosende, 11 de agosto; Pontellas, 18 de agosto: Atios, 25 de agosto; Budiño, 1 de setembro; Chenlo, 8 de setembro; Torneiros, 15 de setembro. Anímase a toda a veciñanza a acudir. 

Comparte este artigo