Iago Lestegás sobre o proxecto da Caramoniña: “serán nove vivendas variadas no seu tamaño e na súa distribución, porque os fogares son diversos e as vivendas tamén o deben ser”

Redacción

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda presentou o proxecto para 9 vivendas en alugueiro na rúa da Caramoniña, das que 4 son de 1 dormitorio, 4 de 2 dormitorios e 1 de 3 dormitorios.

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, presentou esta mañá o proxecto para nove vivendas en alugueiro na Caramoniña a través de rehabilitación e nova construción nunha parcela de titularidade municipal. O edil compareceu ante a prensa acompañado de Aurora Armental Ruiz e Stefano Ciurlo Walker, de Estar Arquitectos, autores do proxecto.

Durante a presentación, Iago Lestegás fixo fincapé na importancia de que as políticas públicas acometan o problema da vivenda nas súas tres dimensións: a asequibilidade, a calidade e a sustentabilidade. Puxo como un exemplo desta filosofía o proxecto da Caramoniña. Así, no tocante á asequibilidade, explicou que “as nove vivendas resultantes desta actuación serán vivendas en alugueiro accesible e integrarán un parque de vivenda municipal” que medrará a través da “adquisición e rehabilitación doutros edificios na cidade histórica”.

No que se refire á calidade, Lestegás sinalou que o proxecto da Caramoniña “é moi coidadoso cos edificios existentes e co lugar onde están situados” e constitúe “un exemplo de boa arquitectura” que está “á altura da nosa cidade histórica Patrimonio da Humanidade”.

En relación á sustentabilidade, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda recordou que esta actuación de rexeneración urbana permite recuperar “cinco ruínas” e revitalizar “un espazo esquecido de gran valor patrimonial no centro de Santiago” combinando rehabilitación e obra nova.

Características do proxecto

As nove vivendas do proxecto, tal e como explicou o concelleiro, “son variadas no seu tamaño e na súa distribución porque os fogares son diversos e as vivendas tamén o deben ser” asegurou Iago Lestegás.

Neste sentido, os arquitectos autores do proxecto explicaron que catro das vivendas terán 1 dormitorio, outras catro terán 2 dormitorios e unha terá 3 dormitorios. Ademais, nun dos edificios, que será de nova construción, dedicarase a planta baixa a estancias de uso común, como sala de estar ou lavandaría.

O deseño dos edificios combina a estrutura de pedra orixinal con novos volumes en madeira e cuberta de tella, así como o aproveitamento dos espazos exteriores entre os edificios e a ruela.

Comparte este artigo