Responsable de Feminismos, Silvia.P: ‘’Non podemos seguir culpabilizando ás vítimas mentres quen paga por explotalas continúa con total impunidade. Ourense non pode quedar atrás: debemos dar un paso adiante e combater esta lacra con decisión.”
A formación reclama un cambio de paradigma: as vítimas deben recibir apoio e acompañamento, mentres que a resposta institucional debe centrarse en quen sosteñen economicamente esta lacra.
Avante Ourense rexistrou hoxe un requirimento no Concello de Ourense para solicitar a elaboración e aprobación dunha Ordenanza Municipal contra a Prostitución, a Trata e a Explotación Sexual, acompañada dun protocolo integral de actuación que sitúe a protección das vítimas no centro das políticas públicas e permita actuar con firmeza fronte á demanda de prostitución.
A proposta aposta por un modelo claramente abolicionista no que as mulleres en situación de prostitución deixen de ser tratadas como infractoras e pasen a recibir unha atención integral a través dos Servizos Sociais Municipais, con apoio psicolóxico, sanitario, xurídico e programas de inserción laboral que lles permitan abandonar situacións de vulnerabilidade e explotación.
Paralelamente, Avante Ourense considera imprescindible actuar contra quen alimentan economicamente esta realidade. Por iso, o requirimento solicita a creación dun réxime sancionador municipal dirixido aos clientes que demanden servizos sexuais, dentro das competencias legais do Concello, así como a aprobación dun protocolo específico para que a Policía Local actúe de forma coordinada coas Forzas e Corpos de Seguridade, a Fiscalía e a autoridade xudicial cando existan indicios de trata, explotación sexual ou outros delitos.
A iniciativa inclúe tamén medidas de formación para o persoal municipal, campañas de sensibilización cidadá e mecanismos estables de coordinación entre administracións e entidades especializadas, co obxectivo de mellorar a detección, protección e atención ás vítimas.
Desde Avante Ourense lembran que esta proposta vai na mesma dirección que os avances que outras cidades galegas están impulsando nesta materia, como é o caso de Vigo, que iniciou a tramitación dunha ordenanza municipal de carácter abolicionista. A formación considera que Ourense non pode quedar atrás e debe asumir un papel activo na loita contra a prostitución, a trata e a explotación sexual.
Avante Ourense fai un chamamento ao Goberno municipal e ao conxunto dos grupos políticos para que apoien esta iniciativa e permitan que a cidade dea un paso decidido na loita contra a explotación sexual, converténdose nun referente en Galicia na protección das vítimas, na igualdade entre mulleres e homes e na defensa dos dereitos humanos.

