– O Concello de Redondela aposta pola sostibilidade e o patrimonio natural cunha dobre xornada de roteiros ambientais gratuítos este domingo. Veciños e visitantes poderán poderán participar na ruta ambiental “As Pedras de Ventosela” pola mañá e da ruta etnobotánica “Usos das plantas da vila” pola tarde no novo paseo de Porto Cedeira.
– O Concello de Redondela, a través das concellerías de Turismo e Infraestruturas e Sostibilidade, continúa a impulsar o coñecemento e o respecto pola contorna local cunha completa programación de actividades ao aire libre para este domingo 9 de agosto. Nesta ocasión, veciños e visitantes poderán gozar de dúas propostas de balde deseñadas para conectar coa natureza e descubrir a riqueza etnobotánica e paisaxística do municipio.
Pola mañá, de 09:30 h a 13:00 h, realizarase a ruta ambiental “As Pedras de Ventosela”, cun percorrido de 8 quilómetros e dificultade baixa-moderada, que comezará na Igrexa de San Martiño de Ventosela e resulta ideal para gozar en familia ou con amigos. Xa pola tarde, entre as 19:00 h e as 21:00 h, o novo paseo de Porto Cedeira acollerá a ruta etnobotánica “Usos das plantas da vila”, un itinerario didáctico apto para todos os públicos que inclúe guía e material de apoio co obxectivo de identificar e coñecer as plantas dos espazos rurais e as súas aplicacións tradicionais.
Inscricións e reservas
Ambas actividades son totalmente gratuítas e contan con prazas limitadas para garantir o correcto desenvolvemento dos grupos e a seguridade dos asistentes. As persoas interesadas en participar en calquera dos dous roteiros deben formalizar a súa inscrición na Oficina Municipal de Turismo, na rúa Isidoro Queimaliños, por teléfono no 986 401 713, ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

