Avante Ourense propón converter a cidade nun referente de sustentabilidade e adaptación ao cambio climático presentando un plan baseado na regra 3-30-300, e unha estratexia específica para combater as ondas de calor

Redacción

Francisco Diéguez: “Non é normal que os nosos nenos e nenas teñan que soportar temperaturas extremas nos patios dos colexios mentres seguimos mirando para outro lado. Adaptar Ourense ao cambio climático tamén significa crear máis sombra, máis árbores e espazos públicos pensados para protexer ás persoas. Non podemos seguir chegando sempre tarde.”

Avante Ourense presenta hoxe as súas propostas en materia de medio ambiente, cambio climático e benestar animal dentro da campaña “Ourense merece máis”, defendendo un novo modelo de cidade no que a sustentabilidade deixe de ser un complemento para converterse nunha prioridade.

A plataforma lembra que Ourense é unha das cidades máis calorosas de Galicia e que os efectos do cambio climático fan imprescindible unha planificación ambiciosa que mellore a calidade de vida da veciñanza e protexa o patrimonio natural.

A principal medida será a posta en marcha dun Plan Municipal de Renaturalización Urbana, inspirado na regra internacional 3-30-300, que establece que toda persoa debería poder ver polo menos tres árbores desde a súa vivenda, vivir nun barrio cunha cobertura arbórea do 30 % e ter un espazo verde público de calidade a menos de 300 metros da súa casa.

Ademais, Avante Ourense impulsará un Plan Municipal contra a Calor, con máis zonas de sombra, plantación intensiva de arborado, refuxios climáticos, novas fontes de auga potable e espazos públicos adaptados ás altas temperaturas. A plataforma tamén promoverá, en colaboración coa Xunta de Galicia, un programa para renaturalizar os patios dos centros educativos públicos, creando espazos máis frescos, seguros e preparados para facer fronte ás ondas de calor.

As propostas complétanse coa aprobación dunha Ordenanza Municipal de Protección do Arborado, un plan de recuperación ambiental dos ríos Miño, Loña e Barbaña, o reforzo da limpeza urbana e da economía circular, medidas para avanzar cara a un Concello máis eficiente enerxeticamente, un Plan Municipal de Benestar Animal baseado no sacrificio cero.

Desde Avante Ourense queremos lembrar que esta é a última das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, unha iniciativa coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade máis verde, máis saudable, máis resiliente e mellor preparada para afrontar os retos do futuro.

Comparte este artigo