- Disporán de aparcamento no Auditorio e autobús gratuíto ata o parque
O Concello de Ourense facilitará desde o vindeiro luns as entradas e as lentes homologadas ás persoas inscritas para observar a eclipse solar do vindeiro mércores, 12 de agosto, a partir das 19.30 horas no Parque de Montealegre. Esta iniciativa conta coa colaboración da Asociación Astronómica de Ourense.
As persoas que teñen a reserva confirmada poderán retirar a súa entrada e as lentes de protección homologadas na Oficina de Turismo do Concello, na Praza de San Martiño, desde o vindeiro luns, 10, ata o mércores, 12, de 9.00 a 14.00 horas. Deberán indicar o código de inscrición que lles foi enviado desde a organización por correo electrónico. Tamén poderán retiralas o propio día da eclipse, pola tarde, xunto ao aparcamento do Auditorio ou na entrada do propio Parque de Montealegre.
Dispositivo de mobilidade e accesos
Para facilitar o desprazamento, o Concello recomenda o uso do transporte público e activa estas medidas:
- Autobús lanzadeira gratuíto: Con saída na rúa da Canle, 4 (Auditorio), de 18.00 a 20.00 horas (subida) e de 21.00 a 22.00 horas (regreso).
- Aparcamento gratuíto no Auditorio: Dispoñible ata o seu peche ás 23.00 horas.
- Sentido único: De 18.00 a 23.00 horas establecerase sentido único de circulación desde a Fonte dos Caños ata o cruce do Camiño Rapazes con Montealegre.

