Os socialistas alertan de que máis da metade da primeira pasada continúa sen executarse, con arredor de 420 dos 770 quilómetros previstos aínda pendentes cando a campaña debería estar xa practicamente rematada nesta primeira fase.
A formación lembra que deixou aprobada en abril a licitación deste servizo para iniciar os traballos en xuño e advirte de que a interrupción da planificación fixo perder un mes clave para a prevención de incendios, a seguridade viaria e o mantemento das pistas municipais.
“Os desbroces non serven cando se fan tarde. Serven cando se executan a tempo, que é cando realmente protexen á veciñanza e ao noso rural”, afirma Ana González Abelleira.
O Grupo Municipal Socialista denunciou hoxe que Lugo inicia a segunda semana de agosto cunha campaña de desbroces que acumula un atraso sen precedentes recentes. Segundo a estimación realizada polos socialistas a partir do estado de execución dos distintos lotes, preto do 60 % da primeira pasada continúa sen executarse, con arredor de 420 dos 770 quilómetros previstos aínda pendentes, nun momento no que estes traballos deberían estar xa practicamente concluídos na súa primeira fase.
A concelleira socialista Ana González Abelleira advertiu de que “non se lembra unha campaña de desbroces que chegase tan tarde a estas alturas do verán” e asegurou que esta demora compromete a eficacia dun servizo esencial para o rural. “Os desbroces non teñen como único obxectivo mellorar a imaxe das pistas. Son unha ferramenta fundamental para mellorar a seguridade viaria, facilitar os accesos ás vivendas e explotacións agrarias e contribuír á prevención dos incendios forestais. Os desbroces non serven cando se fan tarde. Serven cando se executan a tempo, que é cando realmente protexen á veciñanza e ao noso rural”, afirmou.
A edil lembrou que o anterior Goberno deixou aprobada en abril a licitación deste servizo, cunha planificación deseñada para iniciar os traballos no mes de xuño e desenvolvelos ao longo de todo o verán. “A planificación estaba preparada para que o rural chegase ao período de maior risco cos traballos xa moi avanzados. Porén, a mudanza de Goberno interrompeu esa planificación e a formalización do contrato non chegou ata o mes de xullo, facendo perder un mes completo dunha campaña que apenas dura catro e que precisa concentrar boa parte dos traballos antes de que avance o verán”, explicou.
Neste sentido, González Abelleira lembrou que a prevención dos incendios non comeza cando aparece o lume, senón moito antes, mediante unha planificación rigorosa e actuacións executadas en prazo. “Durante os últimos anos impulsamos unha estratexia baseada na prevención, na anticipación e no mantemento continuo das pistas rurais. Cada semana que pasa sen completar esta primeira pasada é unha semana perdida para a prevención, para a seguridade viaria e para o mantemento das pistas municipais”, sinalou.
A concelleira cuestionou tamén que, malia o importante atraso acumulado, o Goberno local modificase a orde inicialmente prevista para actuar nun dos lotes sen ofrecer ningunha explicación pública sobre os criterios empregados para alterar esa planificación. “Resulta difícil de entender que, con preto do 60 % da campaña aínda pendente e xa iniciada a segunda semana de agosto, se cambie a orde das actuacións coincidindo con intervencións que benefician a contorna da propia concelleira responsable da área, mentres boa parte do rural continúa agardando por un servizo básico”, advertiu.
Por último, González Abelleira reclamou ao Goberno local que complete con urxencia a primeira pasada de desbroces e recupere unha planificación baseada nas necesidades reais das parroquias, atendendo criterios de seguridade, prevención e servizo público. “A veciñanza do rural tamén ten dereito a que os servizos municipais cheguen cando fan falta. O rural non necesita anuncios nin fotografías. Necesita pistas seguras, accesos en condicións e unha planificación seria que garanta a igualdade de servizos en todo o municipio”, concluíu.

