O alcalde asistiu ao inicio dos traballos de mellora, acondicionamento e humanización do núcleo: “unha gran obra no rural de Ourense”
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado polo concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiu esta mañá ao inicio das obras de mellora, acondicionamento e humanización do núcleo da Lonia.
Cun orzamento de licitación de 852.821,00 euros, os traballos inclúen a renovación integral das infraestruturas básicas (saneamento, abastecemento, baixa tensión, alumbrado público e telefonía) e a humanización e pavimentación adaptada ás características de cada zona.
“Iniciamos unha gran obra no rural de Ourense, na Lonia”, manifestou esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen destacou a importancia deste investimento, de arredor de 850.000 euros, “nunha obra que a veciñanza leva moitísimo tempo agardando”. O rexedor tamén subliñou o feito de que os traballos sexan executados “unha vez máis por unha empresa ourensá, neste caso Coviastec, co cal é dobre alegría que sexan provedores ourensáns”.
Renovación de servizos e prioridade peonil
Con estas actuacións preténdese revitalizar a zona, mellorar os ámbitos propios do núcleo e crear espazos de reunión veciñal onde antes se priorizaban o tránsito e o aparcamento de vehículos, dando así un maior protagonismo ao peón e resolvendo a falla de unidade de actuacións antigas do pasado.
Unha nova batería de obras na cidade
Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, avanzou que “empezamos o que en breve será unha nova batería de obras na cidade de Ourense. Esta é a primeira delas, que é a humanización integral do núcleo da Lonia”.
O concelleiro explicou que a intervención “afecta a todas as redes de servizos, tanto abastecemento (onde se cambia o fibrocemento por fundición dúctil), o saneamento (que tamén se renova), as redes de telecomunicacións (soterrando liñas de telefonía) e a mellora do alumbrado público”. En canto aos pavimentos, Lorenzo detallou que a intención é “darlle unha certa estética ao núcleo rural mantendo unha plataforma única, xa que son rúas moi estreitas nas que ten que compatibilizarse tanto o tránsito peonil como o tráfico rodado”. “Creo que é unha obra moi demandada pola veciñanza, levabamos tempo querendo adxudicala e creo que hoxe empezamos e será unha realidade en breve”, concluíu.
Financiamento e prazo
As obras serán executadas pola empresa ourensá Coviastec, S.L. e serán financiadas polo Concello de Ourense con máis de 800.000 euros, cunha achega de 4.500 euros por parte da Deputación Provincial de Ourense, no marco do Programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense (2025-2026). O prazo de execución previsto é de 6 meses.
Ao acto de inicio dos traballos tamén asistiron os concelleiros José Ignacio González e Armando Ojea, xunto con técnicos do Concello de Ourense e representantes da empresa adxudicataria, Coviastec, S.L.

