Redacción

O CONCELLO DE NIGRÁN ADIÁNTASE AO ECLIPSE CUN OBRADOIRO INFANTIL PARA CONSTRUIR CÁMARAS ESCURAS

O grupo de observación e divulgación astronómica Astrolavista dirixíu esta mañá un obradoiro coas crianzas do campamento municipal para facer cámaras escuras con material reciclado

O mércores guiarán o fenómeno desde as 19:00 ás 21:30 no piñeiral de Praia América e enlazará cunha observación das perseidas a partir das 22:00 horas

Nigrán 10/08/26.- O Concello de Nigrán preparouse hoxe para recibir o eclipse de forma segura cun obradoiro de construción de cámaras escuras dirixido ás crianzas do campamento municipal. Así, o grupo de observación e divulgación astronómica Astrolavista dirixíu esta actividade na que se empregou material reciclado e, a maiores, ofreceu á cativada a posibilidade de ver o sol de forma segura desde 3 telescopios diferentes.

Este dispositivo, fabricado cunha simple caixa de cartón, permite capturar e proxectar unha imaxe no seu interior mediante un principio óptico básico. A luz penetra por un pequeno orificio practicado nun dos laterais e reflíctese no lado oposto, xerando unha imaxe investida daquilo que se atopa fronte ao buraco. Con esta cámara pódese observar o eclipse proxectado e, polo tanto, sen posibilidade de sufrir ningún dano na vista.

O Concello de Nigrán ofrecerá o propio mércores unha experiencia guiada polo mesmo grupo astronómico na contorna do piñeiral de Praia América (onde a ‘fonte seca’, de 19:00 a 21:30 horas) que enlazará a continuación coa observación das perseidas (a partir das 22:00 horas). Alí haberá monitores certificados pola Fundación Starlight e membros da Federación de Asociaciones Astronómicas de España. Durante o eclipse disporán de varios telescopios e un proxector e portátil, sendo necesario acudir con gafas certificadas. Pola súa banda, para a observación das coñecidas como bágoas de San Lourenzo (que estarán no seu máximo apoxeo) farán ali mesmo unha orientación celeste empregando punteiro láser e telescopio nocturno.

“A coincidencia coas perseidas converte a xornada nunha dobre oportunidade única para gozar de ambos fenómenos mentres expertos nos explican a física que hai detrás”, explica o alcalde, Juan González, quen leva preto dunha década organizando cada mes de agosto unha observación das perseidas.

O municipio de Nigrán atópase en zona de eclipse parcial extremo (máis do 99%), o que ofrecerá unha experiencia visual e atmosférica case equivalente á totalidade: escurecemento notable do ambiente, descenso da temperatura, posible aparición de planetas no ceo e un hourizonte litoral privilexiado cara ao oeste para seguir o fenómeno. Terá que pasar máis dun século para vivir unha situación similar. Por outra banda, a choiva de meteoros coñecida como ‘Perseidas’ ou ‘bagoas de San Lourenzo’ está nesta data no seu momento máis prolífico do ano, nesta caso, os monitores, ademáis de explicar en que consiste o fenónemo visible nesta noite, divulgarán tamén a mitoloxía relacionada.

Comparte este artigo