O alcalde destaca a traxectoria do campamento urbano de Amencer: “unha marabilla” que supera os 1.000 participantes

Redacción

Gonzalo Jácome e Tamara Silva saudaron a rapazada, que celebraba o Día da boa xente

A actividade está organizada coa colaboración do Concello

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Educación, Tamara Silva, saudaron esta mañá nas escaleiras de Santa María Nai a rapazada que participa no Campamento Urbano, que organiza a Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración do Concello de Ourense.

Unha iniciativa tradicional de lecer que chega á súa edición número 39 e que este ano marca un récord desde a pandemia con máis de 1.000 participantes (entre campamento infantil, xuvenil e monitores), ofertando actividades gratuítas desde o 3 ao 13 de agosto.

Pérez Jácome puxo en valor o «tremendo labor» de Amencer e dos Salesianos tras décadas de traxectoria na cidade, lembrando que xa coñece «varias xeracións» de participantes nesta cita. “Para os que pasamos o verán en Ourense é unha marabilla contar con este campamento”, asegurou o rexedor, quen aproveitou para convidar a mocidade a gozar da eclipse solar de mañá «coas medidas de protección adecuadas», e a participar nas vindeiras citas do calendario festivo local, como o Halloween, o Nadal ou o Entroido.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Tamara Silva, subliñou que o campamento «crece cada ano en número de participantes» e advertiu que moitos dos asistentes repiten e acaban converténdose en monitores co paso do tempo. «Estamos encantados de colaborar desde o Concello de Ourense con Amencer, convidovos a gozar da cidade, tamén durante o verán», sinalou.

A cita desta mañá enmárcase na celebración do Día da Boa Xente, unha xornada deseñada para que a rapazada comparta experiencias cos servizos públicos e coñeza de preto o traballo que desenvolven no municipio.

A Praza Maior acolleu unha mostra de medios humanos e vehículos na que estiveron presentes a Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella, 061, os servizos municipais de limpeza e autobuses urbanos, e Medio Rural da Xunta de Galicia.

Esta xornada súmase a un amplo abano de propostas temáticas que arrancaron o pasado 3 de agosto, entre as que destacan o Día da Benvida, Cultura Urbana, Deportes, Xuntanza na Praia, Entroido por Barrios ou o Día da Provincia.

Comparte este artigo