A Xunta coloca a estructura da primeira ponte elevada do Camiño de Santiago para salvar a N-525 no concello de Lalín

Redacción

A actuación complementa os traballos que está levando a cabo Turismo de Galicia para  mellorar a seguridade viaria dos peregrinos

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este martes ao levantamento e instalación da estrutura metálica da ponte elevada de Bendoiro, en Lalín, co que esta infraestrutura da Vía da Prata-Camiño Mozárabe entra na súa recta final. Trátase da primeira ponte elevada construída no Camiño de Santiago co obxectivo de blindar a seguridade viaria dos peregrinos, un dos obxectivos da Xunta de Galicia.

A ponte elevada de Bendoiro sobre a N-525 conta cun investimento de Turismo de Galicia de máis de 355.000€ e complementa a outras medidas neste sentido como o Plan de mellora da seguridade viaria do Camiño, no que a Xunta está a investir 40M€. A actuación avanza a bo ritmo e está previsto que a partir de finais de setembro os traballos estean rematados e a ponte poida ser empregada polos peregrinos deste itinerario xacobeo.

A Xunta avanza así na mellora dos servizos para os peregrinos en todas as rutas xacobeas de xeito diversificado nun momento de gran vitalidade do Camiño de Santiago que medra un 6% en número de peregrinos. No que se refire á Vía da Prata-Camiño Mozárabe, no que vai de ano foi transitada por máis de 6.000 peregrinos que recolleron a Compostela, o 44% deles estranxeiros, especialmente de Portugal e Italia.

Comparte este artigo