O concello de Redondela alerta das posibles complicacións no subministro de auga polo corte do canal de Eiras anunciado por Augas de Galicia

Redacción

Augas de Galicia informou esta tarde de que a interrupción comezará o xoves día 13 ás 08:00 horas cunha duración prevista de 6 horas por tarefas de mantemento na presa.

– O Concello cualifica de “crítica” a situación debido ás altas temperaturas e avisa de posibles cortes e baixadas de presión en Quintela, Río Frío, San Esteban de Negros e Cidadelle.

O Concello de Redondela traslada aos veciños e veciñas o aviso oficial remitido por Augas de Galicia esta tarde e no que se confirma un corte total no fluxo de auga procedente do canal de Eiras. Sería este xoves 13 de agosto, a partir das 08:00 horas. Segundo o organismo autonómico, a parada terá unha duración prevista de 6 horas debido á execución de tarefas de mantemento na presa.

O goberno local manifesta a súa fonda preocupación polas consecuencias que esta paraxe poida ter no abastecemento municipal. A alcaldesa, Digna Rivas, lamenta que a notificación chegase con menos de 48 horas de antelación, xa que coincide cun período de tempo extremadamente caloroso, o que provocou un incremento notable do consumo estival e deixa os depósitos cunha marxe de regulación moi axustada.

Zonas críticas e previsión de afectación

Aínda que os traballos na presa están programados para durar 6 horas, o Concello advirte de que a recuperación total do caudal no canal pode demorarse de forma significativa debido á gran lonxitude do  trazado. Por este motivo, e ante a falta de capacidade de reserva nos depósitos, prevese que poden rexistrarse problemas de presión ou falta de subministro nas zonas de Quintela, Río Frío, Santo Estevo de Negros e, segundo a evolución, en Cidadelle.

Os técnicos municipais e a concesionaria Aqualia coordinarán manobras de urxencia para estirar ao máximo os niveis de reserva. Con todo, o Concello advirte de que, se o consumo se dispara ou a rede se desestabiliza, procederase a realizar cortes selectivos do subministro nas zonas máis afectadas para protexer a integridade global do sistema.

Chamamento urxente ao aforro de auga

Para evitar restricións severas, faise un chamamento a toda a poboación, sector comercial e hostalería para que reduzan o consumo ao mínimo imprescindible desde este mesmo momento. Solicítase a supresión de actividades non esenciais como o rego de xardíns e hortas, o lavado de automóbiles ou o recheo de piscinas. O esforzo e a solidariedade de toda a veciñanza de Redondela durante as vindeiras horas serán determinantes para garantir o abastecemento básico. O Concello manterá informada á poboación a través das canles dixitais e redes sociais oficiais ante calquera cambio de última hora que comunique Augas de Galicia.

Comparte este artigo