O Concello inicia as obras dunha nova área lúdica acuática de Barrocás cun investimento de máis dun millón de euros

Redacción

Os traballos dotarán o Parque de Angelita Paradela dunha piscina infantil, unha  zona de chorros e unha piscina lúdica de adultos de 250 m²

O alcalde subliña que a obra, cun prazo de 8 meses, “vai mellorar a calidade de vida de Barrocás e de Ourense”

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron esta mañá ao inicio das obras de construción dunha nova área lúdica no Parque de Angelita Paradela, no barrio de Barrocás. O proxecto ten un orzamento base de licitación de 1.094.324,00 euros e os traballos serán executados pola empresa Coviastec, S.L.

“Comeza unha obra que vai mellorar a calidade de vida de Barrocás e de Ourense cidade, unha piscina para nenos pequenos, unha zona de chorros e unha piscina lúdica para maiores”, manifestou o alcalde. O rexedor destacou que se trata dunha actuación “nun magnífico parque, nunha urbanización que o pedía a berros”, e subliñou: “Hoxe é un gran día porque empezamos a obra xa e en 8 meses debería estar concluída”. Pérez Jácome tamén destacou que a actuación a realiza “unha empresa ourensá, Coviastec”, poñendo en valor que sexan empresas locais as que executan os proxectos na cidade.

Piscina lúdica de 250 metros cadrados

Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, sinalou que esta é a “segunda piscina de barrio das que están previstas, despois da do Parque de Canedo, na Ponte”, que xa está en fase de construción. A seguinte, dixo, será a do barrio de Covadonga.

O concelleiro detallou as características desta área lúdica “comporase dunha zona de chapoteo para nenos pequenos, unha zona de chorros e unha piscina lúdica en forma de praia, de aproximadamente uns 250 metros cadrados, onde se chega desde unha parte de lámina de auga superficial ata unha profundidade de 1,60 metros para o desfrute de todo o barrio”.

Lorenzo concluíu lembrando que o obxectivo do goberno municipal é “tela lista en 8 meses para poder desfrutala o ano que vén no verán. Será unha gran mellora, unha infraestrutura que vai mellorar este barrio. Queremos que todos os grandes barrios de Ourense teñan este servizo e este aumento da calidade de vida”.

Características técnicas e espazos

O obxecto do proxecto é crear unha área lúdica acuática dentro dun parque urbano, unha zona de esparcemento, recreo e lecer. Ademiais das piscinas, contará con zona de control de acceso, asesos e vestiarios, vixilancia e primeiros auxilios, duchas exteriores e cuartos de instalacións soterrados, ademais dunha ampla praia para a piscina, áreas de intercambio para “pés limpos e sucios” e unha zona axardinada. Con estas premisas deséñase un espazo aberto e de baixo impacto visual.

Instalacións e cuberta vexetal

O edificio será un prisma de formigón visto no exterior e parcialmente no interior, dividido en dous volumes unidos a través da cuberta: un para vestiarios e outro para a área de traballo do vixilante e parte das instalacións da piscina. A cuberta será vexetal, integrándoa e reducindo o impacto da actuación na contorna.

Actuación necesaria

No peche do acto, o alcalde subliñou a necesidade desta actuación para o barrio: “É incrible que os nosos predecesores non pensaran en facer esta piscina antes. Temos que ser nós os que corrixamos ese erro e demos a calidade de vida que é necesaria”.

Ao acto tamén asistiron os concelleiros Armando Ojea, Aníbal Pereira e Tamara Silva, técnicos municipais e responsables da empresa Coviastec.

Comparte este artigo