O Concello presentará alegacións ao proxecto de nova vía de acceso desde a N-525 ao Complexo Hospitalario

Redacción

O proxecto da Xunta non atende as demandas do Concello, que propoñía un bulevar de 35 metros de sección con aparcamentos, nin respecta o planeamento urbanístico

O Concello de Ourense presentará alegacións ao proxecto de trazado da nova vía de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) dende a N-525, que impulsa a Xunta de Galicia.

O Concello entende que o proxecto non responde ás necesidades da cidade, non atende as demandas municipais e non é compatible co trazado previsto no Plan de Urbanismo en tramitación, nin co acordo do Pleno do Concello de xaneiro de 2025. 

“Pasan por riba das nosas demandas, pasan por riba do PXOM e iso repercute en solos urbanizables que quedan descolgados. Executan unha vía de acceso ao CHUO que nin sequera chega ao CHUO, xa que remata na Avenida do Regato. Desbotan executar o bulevar de 35 metros que é necesario e realizan apenas unha estrada que cruza a cidade, sen aparcamentos”, explican desde o goberno municipal. 

Lembran que o Concello xa lle trasladou á Xunta de Galicia estas consideracións en relación ao trazado, ás características da vía e ao seu encaixe no planeamento urbanístico. Por unha banda, o Pleno do Concello de Ourense tomou o acordo o 10 de xaneiro de 2025 de instar a Xunta de Galicia á execución total da vía de conexión entre a N-525 e o barrio de Barrocás que figura no PXOM actualmente en trámite, cuxo obxectivo é a mellora dos accesos ao CHUO e a desconxestión do tráfico nas rúas Marcelo Macías e Ramón Puga. 

Tamén se lle trasladaron os informes dos servizos de Planeamento e Infraestruturas que advertían de graves carencias no proxecto da Xunta. A este respecto, indicaba o informe de Planeamento que a vía proxectada “non é compatible co que figura no planeamento en tramitación (PXOM 2019), que se corresponde co trazado no anulado PXOM 2003 e na anulada Ordenación Urbanística Provisional (2011). Por iso, implicará custos adicionais en todos os futuros desenvolvementos urbanísticos dos sectores urbanizables e de solo urbano non consolidado xa xestionado polos que discorre, sen respectar a urbanización executada conforme ao planeamento vixente nin no planeamento urbanístico en trámite”. 

O Concello trasladará de novo as súas demandas á Xunta a través dunha alegación que presentará durante o período de información pública do trazado, que comezará mañá. 

· Na imaxe pódense apreciar as diferenzas entre o proxecto da Xunta (trazado cunha liña azul) e o demandado polo Concello (en cor amarela)

Comparte este artigo