O Concello de Ourense remitiulle á Xunta de Galicia no día de onte, 12 de agosto, a cumprimentación do informe previo á aprobación definitiva (IPAD) do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas o 13 de xuño de 2025, co obxectivo de avanzar na tramitación do PXOM.
O documento remitido supón a culminación do proceso de contestación do IPAD, que indicaba os erros emendables e as correccións necesarias para poder acadar un informe favorable.
Durante este proceso leváronse a cabo as oportunas xuntanzas de traballo coa Dirección Xeral de Urbanismo por parte do equipo redactor e do concelleiro delegado de Urbanismo, Francisco Lorenzo, acompañado dos técnicos municipais para analizar as modificacións que era necesario introducir no documento.
A documentación definitiva foi presentada polo equipo redactor o pasado día 31 de xullo de 2026 e logo da súa validación polos técnicos municipais do Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística, foi aprobada pola concellería para a súa efectiva remisión e, unha vez debidamente dilixenciada, foi presentada no día de onte.
Continúa así o proceso de aprobación deste esencial documento urbanístico cara á súa aprobación definitiva polo pleno municipal, previos os trámites legais que procedan.

