Soutomaior celebra o legado de María Vinyals cunha xornada de cultura, tradición e participación

Redacción

A programación, que se desenvolve hoxe na Carballeira do Peirao de Arcade, continuará esta tarde con dous obradoiros e un xogo de pistas para achegar a figura da Marquesa Vermella a todos os públicos

O Concello de Soutomaior celebra hoxe unha nova edición do Día de María Vinyals, unha xornada dedicada a poñer en valor a figura da escritora, intelectual e pioneira do feminismo galego a través de diferentes actividades culturais e participativas. A programación, de balde e aberta a diferentes públicos, ten como escenario a Carballeira do Peirao de Arcade.

A mañá comezou co obradoiro ‘Arte en vivo arredor da figura de María Vinyals’, unha proposta de creación colectiva guiada pola artista Alba Troiteiro e inspirada na vida e no legado da Marquesa Vermella. A obra realizada durante a actividade será posteriormente exposta na Biblioteca Municipal, dando continuidade ao traballo de divulgación da súa figura.

A programación continuará esta tarde ás 17:00 horas co obradoiro ‘A queixería’, unha actividade de cociña destinada a recuperar a tradición da elaboración de queixos na fortaleza durante a época de María Vinyals. Ás 18:15 horas será a quenda de ‘A aventura da Marquesa Vermella’, un xogo de pistas con retos cooperativos, códigos e mensaxes ocultas que permitirá aos participantes coñecer diferentes aspectos da vida e da historia de María Vinyals.

A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, destacou que “con esta xornada queremos que a figura de María Vinyals se coñeza máis alá dos libros e da historia, achegándoa á veciñanza dun xeito próximo, participativo e divertido”. Neste sentido, sinalou que “as actividades desta edición permiten descubrir o seu legado desde diferentes perspectivas, combinando cultura, patrimonio, tradición e participación”.

A programación desta tarde permitirá continuar afondando na figura de María Vinyals a través de propostas pensadas para diferentes idades, combinando a recuperación de tradicións vinculadas á fortaleza coa aprendizaxe mediante o xogo e os retos cooperativos. As actividades son de balde e non requiren inscrición previa, ata completar aforo, polo que o Concello anima á veciñanza a achegarse á Carballeira do Peirao de Arcade e participar nesta xornada.

Comparte este artigo