- A actuación abrangue toda a estrada, cunha lonxitude de 233 metros e unha superficie total de 2.780 metros cadrados. O Goberno local planificou os traballos neste mes de agosto para evitar calquera tipo de interferencia co calendario escolar.
- A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a zona rexistra unha elevada densidade de tráfico ao concentrar colexios, institutos e pavillóns. “Era necesario mellorar esta estrada que que empregan a diario centos de alumnos e familias que acoden aos centros educativos e deportivos”.
Xa están en marcha as obras de renovación de pavimento na estrada Paseo do Pexegueiro. Esta intervención, proxectada polos servizos técnicos municipais, ten como obxectivo emendar o forte deterioro, fisuras e fochancas que presentaba o firme desta contorna.
Os traballos realízanse nunha superficie total de de 2.780 metros cadrados, desde a rotonda da avda Mendiño ata o final da estrada, que suma 233 metros de lonxitude. Esta arteria urbana rexistra unha alta densidade de tráfico diario, tanto peonil como de vehículos, ao situarse no centro dunha área de servizos públicos dando acceso a varios centros de ensino, pavillóns e a piscina municipal. O Executivo local decidiu planificar esta obra durante o mes de agosto para non interferir co calendario escolar e evitar prexuízos ás familias e transporte escolar.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, visitaron a zona para comprobar o estado dos traballos. Rivas destacou a transcendencia desta actuación para renovar unha vía “fundamental” para Redondela “que é empregada a diario por centos de alumnos e familias que acoden aos centros educativos e deportivos”. Pola súa banda, Villar, fixo fincapé na loxística coordinada da intervención. O feito de realizar as obras en agosto minimiza os prexuízos para os usuarios desta estrada e “permitirá comezar o novo curso cunha vía totalmente renovada e segura”. O edil engadiu ademais que o resultado ofrecerá unha rodadura asfáltica “de alta resistencia e máxima durabilidade”. Os traballos contan cun orzamento de 46.948 euros que se financian con fondos propios do Concello.

