Os socialistas cualifican de “falta de respecto institucional intolerable” que o Goberno local obrigase ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, a comparecer na rúa ao non ceder o Vello Cárcere para presentar a súa declaración como Lugar de Memoria Democrática.
O Grupo Socialista reivindica a figura de Alexandre Bóveda e ás persoas represaliadas pola ditadura, pero rexeita participar nun acto que “pretende aparentar un compromiso coa memoria democrática que os feitos desmenten”.
“Non se poden pechar as portas do Vello Cárcere á Memoria Democrática en xuño e abrilas en agosto para facerse unha fotografía. A memoria das vítimas merece respecto e coherencia, non actos para lavar conciencias”, subliñou o a voceira adxunta socialista, Ana González Abelleira
O Grupo Municipal Socialista non participará no acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda que terá lugar este luns no Vello Cárcere e denuncia o “cinismo” do Goberno de Candia coa memoria democrática, despois de que hai apenas dous meses non cedese este mesmo edificio para a visita institucional do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, que se desprazou a Lugo para presentar o inicio do procedemento para declarar o antigo cárcere como Lugar de Memoria Democrática.
A voceira adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, trasladou todo o seu respecto e recoñecemento á figura de Alexandre Bóveda no 90 aniversario do seu asasinato, ao seu compromiso con Galicia e coa defensa das liberdades, así como á memoria de todas as persoas perseguidas e represaliadas pola ditadura. Precisamente por ese respecto, explicou que o Grupo Socialista non participará nun acto co que o Goberno de Candia “pretende aparentar unha sensibilidade coa memoria democrática que non se corresponde coa súa actuación cando tivo a oportunidade de demostralo con feitos”.
“Non se poden pechar as portas do Vello Cárcere á Memoria Democrática en xuño e abrilas en agosto para facerse unha fotografía. A memoria das vítimas merece respecto e coherencia, non actos para lavar conciencias”, afirmou.
González Abelleira lembrou que o pasado 19 de xuño o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, desprazouse expresamente a Lugo coincidindo coa publicación no Boletín Oficial do Estado da resolución pola que se iniciaba o procedemento para declarar O Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática.
Martínez chegou á cidade acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia Rodríguez, para poñer en valor un recoñecemento de enorme importancia histórica e simbólica para Lugo. Porén, o Goberno de Candia non cedeu as instalacións e a comparecencia tivo que celebrarse diante das portas do propio Vello Cárcere.
“Un secretario de Estado veu a Lugo para comunicar un recoñecemento que pon en valor a historia da nosa cidade e honra ás persoas que sufriron a represión franquista entre esas paredes, e o Goberno de Candia deixouno na rúa. Foi unha falta de respecto institucional enorme, pero sobre todo unha falta de respecto ao significado do Vello Cárcere e á memoria das persoas que sufriron nel a represión”, denunciou a voceira adxunta.
A representante socialista considera que o acontecido resulta aínda máis difícil de xustificar á vista da convocatoria deste 17 de agosto. Dous meses despois, o propio Concello escolle o interior do Vello Cárcere para lembrar o compromiso de Alexandre Bóveda “con Galicia e coa defensa das liberdades” e, no seu nome, segundo recolle literalmente a convocatoria municipal, “a todas as persoas represaliadas pola ditadura”.
A convocatoria anima tamén á cidadanía a manter viva a memoria de Alexandre Bóveda e “de todas as persoas que sufriron a represión pola defensa de ideas democráticas”.
“Compartimos plenamente esas palabras. O que resulta incomprensible é que en agosto defendan desde dentro do Vello Cárcere aquilo ao que en xuño lle pecharon a porta. A memoria democrática non pode depender de quen convoque, de quen tome a palabra ou de quen apareza na fotografía”, sinalou a socialista.
Esta contradición é, segundo González Abelleira, a que explica a decisión do Grupo Municipal Socialista de non acudir ao acto. “A nosa ausencia non é unha ausencia da homenaxe a Alexandre Bóveda nin da memoria das vítimas. Todo o contrario. É precisamente por respecto a elas polo que non queremos participar dun exercicio de cinismo institucional que pretende converter a memoria democrática nunha escenografía”.
A voceira adxunta lembrou tamén que a homenaxe institucional a Alexandre Bóveda e ás persoas represaliadas non nace co actual Goberno municipal, senón que forma parte dunha conmemoración que o Concello de Lugo vén desenvolvendo desde anos atrás.
“Non estamos ante unha nova sensibilidade do Goberno de Candia. Están dando continuidade a unha homenaxe que xa existía. O problema é pretender utilizar agora ese acto para proxectar unha imaxe de compromiso coa memoria democrática incompatible co que fixeron hai só dous meses”, advertiu.
González Abelleira incidiu tamén en que o Vello Cárcere non é un escenario calquera. O propio procedemento iniciado polo Goberno de España recoñece o seu valor histórico, simbólico e memorial e o papel central que desempeñou na represión franquista en Galicia. Tras a incoación do expediente, o inmoble quedou inscrito provisionalmente no Inventario de Lugares de Memoria Democrática.
“Alexandre Bóveda e todas as persoas perseguidas, encarceradas ou asasinadas por defender a liberdade e a democracia merecen memoria, dignidade e coherencia. E a coherencia consiste en homenaxealas o 17 de agosto, pero tamén en abrir as portas o 19 de xuño cando un secretario de Estado vén a Lugo para recoñecer oficialmente a memoria que gardan esas paredes”, concluíu.

