O voceiro socialista reclama ao novo Goberno que explique que fará cos fondos municipais xa previstos para o proxecto e que abra unha rolda de diálogo co tecido asociativo, cultural e patrimonial da cidade.
Fernández pide que se defenda activamente a candidatura ao 2 % Cultural que o anterior Goberno deixou presentada, pero advirte de que esta vía “non pode substituír o compromiso que lle corresponde á Xunta de Galicia”.
“Candia ten que decidir se vai defender os intereses de Lugo tamén cando iso implique esixirlle ao seu propio partido. Gobernar é defender a cidade, non evitar problemas á Xunta”, afirmou.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, reclamou hoxe diante do Cuartel de San Fernando que Elena Candia aclare se aposta realmente por facer realidade o Museo da Romanización e que explique cal é a folla de ruta do novo Goberno para un proxecto que Lugo leva demasiados anos agardando.
“Queremos respostas moi concretas. Que vai facer Candia cos cartos que deixamos previstos para San Fernando? Vai continuar co proxecto? Vai defender activamente a candidatura ao 2 % Cultural? E, sobre todo, vai esixirlle á Xunta que poña dunha vez a parte que lle corresponde?”, preguntou Fernández.
O voceiro socialista advertiu de que Lugo “non pode permitirse volver atrás nin empezar outra vez de cero” despois de anos de traballo para intentar desbloquear o futuro de San Fernando.
“Candia ten que aclarar se vai aproveitar todo o traballo que atopa feito para avanzar co Museo ou se prefire volver cambiar as prioridades. Xa vimos no seu día como o PP, en lugar de avanzar co Museo da Romanización, chegou a propoñer outro destino para San Fernando cun Parador. Lugo non pode perder máis anos cambiando o rumbo dun proxecto que a cidade leva demasiado tempo reclamando”, sinalou.
Que escoite á cidade
Fernández reclamou como primeiro paso que Candia abra unha rolda de diálogo co tecido asociativo, cultural e patrimonial da cidade que leva anos defendendo a creación do Museo da Romanización.
“A cidade falou moitas veces e fíxoo de novo con enorme claridade durante a celebración do 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial. Hai unha demanda social evidente para que este proxecto saia adiante. Candia debe escoitala e explicar que pretende facer”, afirmou.
O voceiro socialista incidiu en que o novo Goberno debe coñecer e ter en conta a posición das persoas e colectivos que mantiveron viva esta reivindicación durante anos.
“Antes de modificar o que está previsto ou tomar decisións sobre San Fernando, o mínimo é sentarse co tecido asociativo, escoitar e explicar cal é a folla de ruta do Goberno”, sinalou.
“Que vai facer cos cartos que deixamos previstos?”
Fernández lembrou que o Concello xa realizou un importante esforzo económico para facer posible o Museo, comezando pola adquisición do Cuartel de San Fernando ao Ministerio de Defensa por arredor de 2,4 millóns de euros e asumindo posteriormente a conservación do inmoble.
O anterior Goberno municipal deixou ademais preparado un proxecto cun investimento superior aos 15 millóns de euros, presentou en febreiro a candidatura ao programa estatal do 2 % Cultural para optar a financiamento de ata o 75 % da actuación e contemplou nos Orzamentos municipais de 2026 os recursos necesarios para afrontar a participación do Concello.
“Candia recibiu un proxecto preparado, un expediente presentado e recursos municipais previstos. Por iso hai unha pregunta que debe responder: que vai facer con eses cartos? Vai mantelos para San Fernando ou vai destinalos a outras prioridades?”, preguntou.
Fernández advertiu de que esta aclaración resulta especialmente necesaria despois de que o novo Goberno modificase nos últimos meses o destino inicialmente previsto para outras partidas e actuacións municipais.
“Con San Fernando non queremos que suceda o mesmo. Non queremos que o cambio de Goberno signifique volver cambiar prioridades, desviar recursos ou empezar outra vez desde cero. Hai traballo feito, hai un proxecto e hai fondos previstos. O que toca é avanzar”, incidiu.
Neste sentido, Fernández lembrou como antecedente a proposta formulada polo PP e pola Xunta en 2019 para destinar San Fernando a un Parador.
“Aquela proposta quedou atrás, pero demostra o que Lugo non pode permitirse outra vez: perder anos discutindo novos destinos para San Fernando en lugar de facer realidade o Museo”, afirmou.
O 2 % Cultural foi unha solución ante a falta de resposta da Xunta
Fernández reclamou tamén ao Goberno de Candia que realice un seguimento activo, administrativo e político, da candidatura presentada ao programa estatal do 2 % Cultural e que atenda todos os trámites e requirimentos necesarios para defender as posibilidades de Lugo.
O voceiro socialista insistiu, con todo, en que esta vía de financiamento debe entenderse no contexto no que foi impulsada.
“O 2 % Cultural foi unha solución que buscamos nós ante anos de falta de resposta da Xunta. Non acudimos ao Estado para liberar á Xunta das súas responsabilidades. Fixémolo porque non estabamos dispostos a quedar parados esperando por ela”, explicou.
Por iso, Fernández advertiu de que o resultado da convocatoria estatal non pode decidir o futuro do Museo.
“Se conseguimos ese financiamento, será unha magnífica noticia para Lugo e permitirá avanzar grazas a unha vía que nós deixamos preparada. E se non chega, haberá aínda máis motivos para esixirlle á Xunta que asuma un compromiso económico suficiente”, afirmou.
“O 2 % Cultural pode axudar a desbloquear o Museo. O que non pode facer é substituír á Xunta nin servir para que siga sen poñer a súa parte”, engadiu.
Defender Lugo tamén cando hai que esixirlle aos teus
Fernández situou a implicación da Xunta como unha das principais cuestións que debe afrontar agora Candia e lembrou que foi a propia Administración autonómica, no andato do bipartito, a que impulsou inicialmente o proxecto do Centro de Interpretación e Museo da Romanización de Galicia en San Fernando antes de deixalo aparcado á chegada de Núñez Feijóo.
Tamén recordou que os 500.000 euros incorporados aos Orzamentos autonómicos de 2025 para San Fernando chegaron despois dunha emenda socialista e que posteriormente a Xunta desviou a metade desa cantidade cara a outras finalidades.
“Durante anos vimos un PP moi contundente á hora de reclamar responsabilidades e investimentos cando gobernaban outros. Agora queremos comprobar se esa valentía tamén existe cando defender Lugo significa plantarse diante dunha Administración gobernada polo seu propio partido”, afirmou Fernández.
O voceiro socialista sostivo que esta é unha cuestión que vai máis alá do Museo da Romanización.
“Un Goberno municipal está para defender os intereses da súa cidade. Non os intereses do seu partido. Candia ten que decidir se primeiro está Lugo ou primeiro está o Partido Popular”, incidiu.
Fernández lembrou ademais os investimentos millonarios asumidos pola Xunta noutros grandes proxectos patrimoniais de Galicia e rexeitou que a cidade teña que seguir conformándose con compromisos moi inferiores.
“Cando a Xunta quere investir en patrimonio, faino. Hai exemplos de investimentos millonarios noutras cidades. Lugo non pide privilexios, pero tampouco pode aceptar seguir sendo menos”, sinalou.
Por iso reclamou que Candia esixa á Xunta un compromiso económico “serio, suficiente e plurianual”, con recursos e prazos que permitan executar finalmente a rehabilitación de San Fernando.
Lugo, referencia da romanización no noroeste
Fernández incidiu en que o Museo da Romanización non pode entenderse unicamente como a rehabilitación dun edificio histórico, senón como un proxecto estratéxico para aproveitar todo o potencial do patrimonio romano da cidade.
“Temos unha Muralla Patrimonio Mundial, un patrimonio arqueolóxico extraordinario e miles de pezas que merecen ser conservadas, investigadas e mostradas nas condicións adecuadas. Lugo ten todo para converterse na gran referencia do noroeste peninsular no estudo e divulgación da romanización”, explicou.
O proxecto permitiría reforzar a conservación e divulgación do patrimonio, pero tamén a proxección cultural e turística de Lugo e a actividade económica vinculada a un dos principais elementos diferenciais da cidade.
Fernández insistiu en que o cambio de Goberno non pode supoñer unha nova paralización dun proxecto que xa acumula demasiados anos de espera.
“Se o Museo avanza, alegrarémonos porque será bo para Lugo. Pero non imos esquecer como chegamos ata aquí: porque a cidade non desistiu, porque o tecido asociativo mantivo viva a reivindicación e porque nós seguimos traballando e buscando solucións mentres a Xunta mantiña o proxecto aparcado. Nós non imos poñer paus nas rodas; os paus xa os puxeron outros durante demasiados anos”, afirmou.
“Agora Candia ten que posicionarse: que diga que vai facer cos fondos municipais, que escoite á cidade, que defenda o expediente do 2 % Cultural que recibiu preparado e, sobre todo, que demostre se está disposta a defender os intereses de Lugo tamén cando para facelo ten que esixirlle ao seu propio partido. Lugo xa esperou demasiado”, concluíu.

