O Concello de Soutomaior supera as 200 vivendas adheridas ao programa de Compostaxe Rural

Redacción

O Goberno local anima á veciñanza a solicitar os composteiros individuais dispoñibles e avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos orgánicos

O programa de Compostaxe Rural do Concello de Soutomaior continúa a medrar e supera xa as 200 vivendas adheridas, consolidándose como unha alternativa sostible para a xestión dos residuos orgánicos nas zonas máis dispersas do municipio.

Desde o Goberno local fan un chamamento á veciñanza para que se sume ao programa e solicite o seu composteiro individual antes de que se esgoten as unidades dispoñibles. A iniciativa está dirixida ás persoas residentes en vivendas illadas que dispoñan dunha parcela ou horta cunha superficie mínima de 25 metros cadrados.

As persoas interesadas poden solicitar o seu composteiro chamando ao Concello no teléfono 986 705 106, extensión 1, ou a través do formulario de solicitude habilitado online.

Cada vivenda participante recibirá un composteiro individual cunha capacidade de 400 litros, que deberá instalarse no exterior da casa, nunha zona preferentemente sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas. Recoméndase a súa colocación baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra, facilitando así a entrada dos microorganismos responsables do proceso natural de descomposición da materia orgánica.

Unha alternativa sostible para o rural

O obxectivo do programa é fomentar a autoxestión dos residuos orgánicos e converter a compostaxe nunha práctica habitual nas zonas rurais e máis dispersas de Soutomaior, reducindo a cantidade de residuos que deben ser recollidos e tratados e favorecendo, ao mesmo tempo, o aproveitamento dos recursos.

A compostaxe presenta importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, ao permitir transformar os restos orgánicos xerados nos fogares nun recurso útil para a fertilización do solo.

A iniciativa recupera, ademais, unha práctica tradicional profundamente arraigada no rural galego, baseada no aproveitamento dos restos orgánicos, xa fose como alimento para o gando ou para a elaboración de compost. A través dos composteiros individuais, esta tradición adáptase aos tempos actuais mediante un sistema máis hixiénico, cómodo, eficiente e respectuoso co medio ambiente.

Con máis de 200 vivendas xa participantes, o Concello de Soutomaior aposta por seguir ampliando o programa e implicar cada vez a máis familias na redución e aproveitamento dos residuos orgánicos, contribuíndo así a un municipio máis sostible.

Comparte este artigo