Máis de 70.000 persoas avalan o éxito do Baiverán 2026 e consolidan a Baiona como referente cultural do sur de Galicia

Redacción
  • O concerto de Rubén Simeó e a Agrupación Musical de Belesar, que abarrotou a Praza do Concello, súmase a un verán de grandes éxitos de público

Máis de 70.000 persoas desfrutaron xa da programación de Baiverán 2026, segundo a estimación acumulada de asistencia ás diferentes actividades, confirmando a extraordinaria resposta de veciños e visitantes e consolidando a Baiona como referente cultural do sur de Galicia.

O último exemplo viviuse este sábado co concerto de Rubén Simeó e a Agrupación Musical de Belesar, que abarrotou a Praza do Concello nunha actuación de máximo nivel artístico na que o público desfrutou e participou activamente.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que “foi un espectáculo inesquecible que fixo vibrar a todo o público. A calidade artística de Rubén Simeó superou todas as expectativas. Foi un éxito rotundo”.

Pola súa banda, a concelleira de Festexos, Ruth Álvarez González, quixo destacar especialmente a faceta privado do artista: “Alén da súa enorme calidade artística e de ser un músico de talla mundial, quero destacar especialmente a proximidade e a humildade de Rubén Simeó. Desde o primeiro momento puxo todo da súa parte para que puidese facerse realidade este concerto e mostrou unha ilusión especial por actuar en Baiona xunto á Agrupación Musical de Belesar, unha formación coa que se sente moi ligado”.

UN BAIVERÁN QUE CHEA BAIONA
O éxito de Rubén Simeó súmase a un verán no que as prazas e escenarios de Baiona están a rexistrar unha extraordinaria afluencia de público.
Durante o mes de xullo destacaron a III edición do Entre Praias Sunset Festival, con LG1DO como cabeza de cartel, que fixo vibrar á mocidade na Palma; a actuación da Orquestra Panorama, que congregou a miles de persoas e o cheo absoluto do espectáculo lírico “Unha noite na ópera e a zarzuela”, con Luis Santana, Alicia Hervás, Esperanza Mara, Loli Crespo e Alejo Amoedo.

Na semana na que se celebrou o Día de Galicia, a Banda de Gaitas de Paramos, Gabriel Fandi e Treixadura protagonizaron tres novas citas de gran éxito de público.

Agosto comezou tamén cunha extraordinaria resposta ás actuacións dos Player’s e París de Noia na Palma e á III edición do Barbos Festival na praia da Barbeira. A elas sumáronse os tributos a The Beatles de The Hendersons, e a Joaquín Sabina, con “Eh Sabina! Plaxiando ao Mestre”, alén do concerto de Green Velvet Rock Band.

A programación de humor BAIRETRANCA, con monólogos como os de Xavier Deltell e Pablo Meixe, está a cultivar igualmente unha excelente acollida.

CULTURA MÁIS ALÓ DOS GRANDES ESCENARIOS

Baiverán non se limita aos grandes concertos. As actuacións do Sons do Casco, grupos, asociacións, corais, agrupacións musicais e grupos de baile locais están a ter tamén un papel fundamental e demostrando a riqueza do tecido cultural de Baiona.

A esta programación súmanse os ciclos de conferencias e exposicións de Capitanía Marítima, as exposicións do Multiusos de Sabarís e as visitas guiadas, propostas que están a rexistrar unha notable resposta e achegan un importante valor engadido á oferta cultural.
Así, música, humor, danza, folclore, patrimonio, exposicións, conferencias e visitas guiadas configuran unha programación diversa e para todos os públicos.

BAIONA, REFERENTE CULTURAL DEL VAL MIÑOR

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, subliña que “estamos a conseguir que Baiona sexa moito máis que un destino turístico durante o verán. O noso obxectivo principal: non perder a nosa esencia. Queremos que Baiona sexa tamén un destino cultural, con propostas para os mozos, as familias, os amantes da música, do humor e da cultura, e con espazo tamén para poñer en valor o enorme talento que temos en Baiona”.
A resposta de público, con máis de 70.000 asistentes estimados ata o momento, avala unha programación que ten como obxectivo encher Baiona de música, cultura e vida durante todo o verán e consolidar ao municipio como un dos grandes referentes culturais e de lecer do sur de Galicia.

Comparte este artigo