O concello de Baiona entrega o Lazo de Honra da vila á súa veciña “Tilducha”

Redacción

A súa historia é un vibrante lenzo onde a creatividade e o emprendemento entrelázanse con determinación

O Concello de Baiona fixo entrega do Lazo de Honra a Matilde do Pilar Montaña Miranda, coñecida por todos como “Tilducha”, concedido pola Comisión de Honras e Distincións, nun emotivo acto.

O lazo de honra é unha distinción municipal honorífica que as corporacións locais outórgana para recoñecer publicamente a traxectoria de veciños salientables pola súa contribución e dedicación ao municipio.

Desde o Concello quíxose render homenaxe a esta persoa pola súa actividade social ao longo dos anos, pois leva 33 anos ensinando e compartindo a súa arte con decenas de persoas na Casa da Terceira Idade de Baiona.

A xornada estivo marcada polo recoñecemento ao traballo na conservación dos labores tradicionais do noso pobo ao longo de todos estes anos. O acto contou coa presenza do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña e outras autoridades municipais, poñendo en valor o traballo realizado por esta muller.

A moi temperá idade descobre unha das súas maiores paixóns: a calceta. Desde ben novo estivo unida ao mundo da costura, unha actividade que forma parte esencial da súa vida e da súa identidade.

Nada en Sabarís (Baiona) o 1 de setembro de 1933, no colexio destacou por estar sempre no cadro de honra en “Labores”. Aos 12 anos calcetó o seu primeiro vestido, cando nin sequera había aínda agullas. A la regaláranlla os Reis Meigos de Oriente e o seu irmán fíxolle as agullas afiando as puntas duns radios dunha bicicleta.

Non se conformou con ser unha simple espectadora, senón que decidiu formarse profesionalmente. Aos 20 anos aprendeu corte e confección, e aqueles ensinos marcaron profundamente o seu camiño e espertaron nela unha vocación que, co paso do tempo, converteuse na súa dedicación principal e no eixo da súa traxectoria vital e profesional.

O espírito emprendedor de “Tilducha” cristalizou cando ao finalizar os seus estudos montou na Ramallosa Mimonti, unha academia de corte e confección na que facía ata vestidos de noiva.

Aos 21 anos casou co baionés José Luis Pazo con quen ten tres fillos (unha filla e dous fillos) e catro netos. O seu marido e ela chegaron a ter seis tendas, cinco en Baiona e unha en Panxón. Todas se chamaban Telemar menos a Boutique Tilducha, no paseo de Elduayen, onde se vendía máis o que calcetaba ela mesma que o que lle distribuían os comerciais. Chegaron a ter 22 empregados.

O rexedor con este acto quixo recoñecer os méritos de Tilducha que a día de hoxe segue impartindo clases con 92 anos e ten 22 alumnas entre as que se atopa tanto xente nova como maior. Durante catro horas, tres días á semana, comparte os seus coñecementos cos seus aprendices. Durante os meses de verán que pecha o centro sociocomunitario, o grupo trasládase á cafetería Monterrey. Tamén impartiu clases na Casa do Mar de Baiona, en Gondomar, Mougás e Redondela.

Como é ben sabido, “Tilducha” é unha muller que aposta e mantén as tradicións, xa que leva ao redor de 80 anos calcetando. Trátase dunha persoa moi comprometida co seu alumnado, e o día que un alumno non pode ir á clase só ten que chamala ao móbil e preguntarlle. Ela acórdase dos labores de todas e por teléfono explícalle o que hai que facer.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinala que “desde o Concello de Baiona consideramos que merecía un recoñecemento, xa que é unha muller pioneira que pertence a unha xeración que loitou moito na vida. Hoxe segue calcetando e compartindo os seus coñecementos, porque nas agullas e nas las, atopou a súa verdadeira paixón. Con 92 anos, 80 deles dándolle ás agullas, continúa tecendo a súa propia historia e a de Baiona. O seu propósito é seguir contribuíndo á actividade social da Vila e á preservación das tradicionais, mantendo vivo o patrimonio social, cultural e humano que define á localidade”.

Comparte este artigo