Gonzalo Jácome critica que, das 75 actuacións da administración autonómica en Galicia, só unha se executa “na cidade máis calorosa”
O rexedor asistiu ao inicio das obras na avenida Otero Pedrayo, cun orzamento de 340.000 euros e un prazo de execución de tres meses
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reclamoulle esta mañá á Xunta de Galicia un maior compromiso económico coa loita contra a calor extrema na cidade. Durante a visita ao inicio das obras dos refuxios climáticos na avenida de Otero Pedrayo —unha intervención de 340.000 euros financiada mediante un convenio coa administración autonómica—, o rexedor cualificou de “insuficiente” o investimento e denunciou a “bestial discriminación” que sofre a capital ourensá “nalgo no que temos máxima necesidade”.
O alcalde contrapuxo a realidade climática da cidade coa resposta orzamentaria da administración autonómica: “A Xunta ten en marcha 75 proxectos en materia de refuxios climáticos e só un vai ser en Ourense. A cidade máis calorosa de todo o norte de España, a cidade quente por excelencia, que hoxe vai chegar a 41 graos e vai ser a máxima de España, e simplemente somos unha de 75 actuacións. Isto demostra a bestial discriminación nalgo no que realmente somos, por desgraza, punteiros. Nin sequera naquilo no que temos máxima necesidade a Xunta fai unha discriminación positiva”, aseverou. Gonzalo Jácome cualificou a contía destinada á avenida de Otero Pedrayo de “esmola”, advirtindo que o orzamento de 340.000 euros “non chega nin para facer a avenida enteira, só para un lado”.
Neste sentido, o rexedor insistiu en que o Concello conta cun proxecto ambicioso para plantar 10.000 árbores en toda a cidade e reclamou de novo a implicación directa tanto da Xunta de Galicia como do Goberno central para o seu financiamento.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, explicou que os traballos en Otero Pedrayo responden a un estudo previo do Concello sobre zonas de calor. Esta será unha “experiencia piloto” nunha vía “que quedara coxa na súa última reforma no sentido de infraestrutura vexetal, coas rotondas en formigón, e sen zonas de sombra nas medianas nin nas rotondas”.
O concelleiro detallou que “a idea é actuar en todas as rotondas da rúa, refacer todos os parterres e medianas, e actuar en toda esta explanada de aglomerado que acumula moitísima calor porque non ten árbores nin zonas de sombra”. Preténdese dotar a rúa de “zonas de descanso con árbores para combater no verán esta zona de calor con sombra e vexetación”. Lorenzo engadiu que o obxectivo é “contar co apoio da Xunta para seguir estendendo estas medidas e plantar árbores por toda a cidade”.
Os traballos, adxudicados á empresa Suministro Integral del Agua, SL (Sumiagua) cun prazo de execución de 3 meses, inclúen:
- Instalación de xardineiras: Colocaranse elementos vexetais en zonas urbanas onde hai limitacións de chan permeable para favorecer a creación de microclimas e reducir a temperatura ambiental.
- Reposición e mantemento dos xardíns nas rotondas: Substituiranse superficies artificiais ou de baixo valor ecolóxico por vexetación natural para mellorar a xestión da auga de choiva e diminuír a calor circundante.
- Mantemento e limpeza das medianas: As medianas verdes actuarán como corredores ecolóxicos, axudando á regulación térmica, á absorción de contaminantes e á mellora da seguridade viaria e peonil.
Pola súa banda, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Paula Uría, subliñou que esta intervención é un proxecto piloto desenvolvido conxuntamente co Concello para crear “refuxios climáticos urbanos” coa finalidade de que “estas temperaturas extremas as percibamos lixeiramente máis baixas”. Uría avanzou ademais que a administración autonómica continuará impulsando este tipo de actuacións en Galicia, onde xa desenvolveu 75 proxectos cun investimento próximo aos 4 millóns de euros.

