O Concello de Tomiño presenta este sábado 22 de agosto, ás 21:30h na Praza Pintor Antonio Fernández, unha produción audiovisual de Suso Pando que recupera a historia dunha das tradicións máis singulares do Baixo Miño e rende homenaxe ás persoas que a mantiveron viva durante xeracións.
O Concello de Tomiño conmemora este sábado 22 de agosto máis de cen anos do Entroido de Goián cunha xornada especial que reunirá veciñanza e visitantes arredor dunha das tradicións máis arraigadas da parroquia. A celebración comezará ás 13:00 horas e prolongarase durante todo o día con actuacións musicais, gastronomía típica e concursos, para culminar ás 21:30 horas coa estrea do documental «Entruido. 100 anos de troula», na Praza Pintor Antonio Fernández.
A peza audiovisual, unha produción de Suso Pando en colaboración coa Comisión de Festas do Entroido de Goián, reconstrúe a traxectoria desta celebración centenaria a través de imaxes, documentos, testemuños e vivencias das persoas que a coñeceron e protagonizaron en diferentes momentos. O documental percorre así a evolución do Entroido ao longo das décadas, recuperando unha parte importante da memoria da parroquia e amosando os cambios dunha festa que soubo adaptarse aos tempos mantendo a súa esencia e personalidade propias.
«Entruido. 100 anos de troula» é tamén unha homenaxe colectiva ás persoas que fixeron posible esta historia. Un recoñecemento a todas as xeracións que, coa súa creatividade, traballo e implicación, contribuíron a sacar adiante o Entroido, e un agradecemento a quen continúa hoxe collendo o relevo e traballando para garantir a continuidade dunha celebración que forma parte da identidade de Goián.
A alcaldesa de Tomiño destaca que “con este documental queremos recoñecer a todas esas persoas que durante máis de cen anos fixeron grande o Entroido de Goián, dedicando tempo, traballo e moitísima ilusión a unha festa que hoxe podemos seguir gozando precisamente porque houbo xeracións enteiras dispostas a mantela viva”.
A rexedora anima á veciñanza a sumarse á programación deste sábado e compartir unha xornada que “vai ser de celebración, de reencontros e tamén de moita emoción. Queremos que Goián se xunte para lembrar todo o vivido, recoñecer a quen o fixo posible e, sobre todo, celebrar que, máis de cen anos despois, seguimos tendo Entroido e seguimos tendo troula”.

