Jorge Bustos esixe a Candia que abra de inmediato á circulación a rúa Conde Fontao e deixe de utilizar o convenio con Adif como escusa

Redacción

O exconcelleiro de Urbanismo lembra que o viario pode poñerse en servizo con independencia do desenvolvemento das obras da nova estación intermodal e que é tan simple como autoriza o uso da vía municipal a través dun decreto de Alcaldía.

Bustos advirte de que a apertura resulta especialmente necesaria ante o inicio do curso escolar e reclama ao Goberno local que exerza as competencias que lle corresponden.

Neste sentido, considera que a alcaldesa non pode escudarse na existencia dun convenio con Adif para evitar adoptar unha decisión que corresponde ao Goberno municipal.

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos esixiu hoxe á alcaldesa, Elena Candia, que proceda á apertura inmediata da rúa Conde Fontao á circulación e deixe de utilizar o convenio con Adif como escusa para atrasar a posta en servizo dunha infraestrutura viaria que, segundo explicou, xa está en disposición de asumir o tráfico. “ É un procedimiento habitual na Administración local e utilizouse neste municipio en considerables ocasións, sen ir máis lexos no proxeto de peonalización de Centro histórico”, sinalou.

O que foi responsable de Urbanismo ata a moción de censura considera que o Goberno local está a mesturar deliberadamente dúas cuestións diferentes: por unha banda, o desenvolvemento das obras da nova estación intermodal e, por outra, a posta en servizo do viario adxacente que permite mellorar as comunicacións da cidade. “Unha cousa é a obra da estación e outra moi distinta o viario que a rodea. Se a rúa Conde Fontao está en condicións de asumir o tráfico, o Concello ten que poñela en servizo”, afirmou.

Bustos explicou que a apertura dunha vía ao tráfico constitúe unha decisión que pode ser adoptada polo propio Concello dentro das súas competencias, sempre que se cumpran as condicións técnicas e administrativas necesarias. Neste sentido, considera que a alcaldesa non pode escudarse na existencia dun convenio con Adif para evitar adoptar unha decisión que corresponde ao Goberno municipal.

“O Concello ten capacidade para decidir sobre a posta en servizo do viario municipal e, se é necesario formalizala mediante o correspondente acto administrativo, a alcaldesa debe asumir esa responsabilidade. Non ten sentido presentar a intermodal como un impedimento absoluto cando estamos falando de poñer en funcionamento unha vía que presta un servizo viario independente”, sinalou.

O edil socialista considera especialmente urxente adoptar esta decisión tendo en conta que quedan poucas semanas para o inicio do curso escolar. “Estamos a falar dunha infraestrutura estratéxica para as comunicacións da cidade que pode contribuír a desconxestionar outros itinerarios e facilitar os desprazamentos precisamente nun momento no que aumentará de maneira significativa o tráfico asociado aos centros educativos”, explicou.

Bustos reclamou ademais ao Goberno local que abandone a dinámica de “enturbiar” cuestións administrativas que, ao seu xuízo, poden resolverse con normalidade mediante a coordinación entre as administracións implicadas. “Se existen cuestións pendentes con Adif, que o Concello as negocie e as resolva. Pero esas cuestións non poden converterse nunha escusa para manter pechada unha vía que xa pode cumprir unha función esencial para a mobilidade de Lugo”, afirmou.

O exresponsable de Urbanismo lembrou que a actuación foi impulsada polo anterior Goberno municipal precisamente coa finalidade de mellorar a conexión viaria da contorna da nova estación e favorecer unha mellor distribución dos fluxos de tráfico. “O que non pode facer Candia é paralizar unha actuación deseñada para mellorar a mobilidade da cidade simplemente porque foi impulsada polo Goberno anterior. Os proxectos deben valorarse pola súa utilidade para Lugo, non pola administración ou polo equipo político que os promoveu”, indicou.

Finalmente, Jorge Bustos pediu á alcaldesa que exerza as súas responsabilidades e deixe de utilizar a confrontación institucional como substituto da xestión. “Candia debe deixar de facer oposición a Adif desde a Alcaldía e empezar a gobernar. Se hai un problema administrativo, resólvase. Se hai un trámite que debe formalizarse, tramítese. E se a vía está en condicións de ser utilizada, ábrase”, concluíu.

Para o concelleiro socialista, Lugo necesita que as administracións actúen con coordinación e sentido práctico. “A cidade non pode permitirse que unha infraestrutura útil permaneza pechada por falta de decisión política. Conde Fontao debe abrirse de inmediato, con todas as garantías técnicas e xurídicas, porque os veciños e veciñas necesitan solucións e non novas escusas”, rematou.

Comparte este artigo