Avante Ourense denuncia o “Inadmisible” estado dos vestiarios de urxencias do CHUO e esixe actuacións inmediatas

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’É unha auténtica vergonza. Non podemos encher discursos falando da excelencia da sanidade pública mentres quen sostén Urxencias ten que cambiarse nestas condicións. Os profesionais do CHUO merecen respecto, e o respecto tamén se demostra ofrecéndolles unhas instalacións dignas.’’

A plataforma remite o caso á Inspección de Traballo, á Consellería de Sanidade e á Valedora do Pobo para que investiguen as condicións das instalacións

Avante Ourense denuncia publicamente o estado dos vestiarios utilizados polo persoal do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), tras ter acceso a material gráfico que, segundo a plataforma, amosa unhas instalacións «absolutamente impropias dun hospital público do século XXI».

Ante esta situación, Avante Ourense decidiu trasladar formalmente os feitos á Inspección de Traballo e Seguridade Social, á Consellería de Sanidade e á Valedora do Pobo, solicitando que se comprobe o estado das instalacións, o cumprimento da normativa aplicable e, de ser necesario, se ordene a adopción inmediata das medidas correctoras oportunas.

A plataforma considera especialmente grave que profesionais que sosteñen diariamente un servizo esencial e sometido a unha enorme presión asistencial poidan verse obrigados a utilizar unhas dependencias que presentan este estado.

Avante Ourense solicita á Consellería de Sanidade unha revisión inmediata dos vestiarios, información sobre as últimas actuacións de mantemento ou reforma realizadas e, se se confirman as deficiencias, un calendario concreto para o seu acondicionamento.

Paralelamente, a plataforma pide á Inspección de Traballo que comprobe in situ se os vestiarios e instalacións destinadas ao persoal cumpren as condicións esixidas pola normativa de seguridade e saúde laboral. Á Valedora do Pobo solicítaselle que investigue a actuación da Administración sanitaria e reclame ao SERGAS explicacións sobre a situación.

Desde Avante Ourense advirten de que non aceptarán que a precariedade das instalacións se normalice simplemente porque leve tempo existindo e reclaman á Xunta de Galicia que actúe con celeridade. «Ourense non pode ter profesionais de primeira traballando con instalacións de terceira», conclúe Diéguez

Comparte este artigo