A Xunta impulsa cinco novos proxectos municipais de carácter estratéxico na provincia de Ponetvedra cun investimento superior a 2,2M€

Redacción
  • O Goberno galego resolveu a convocatoria da liña correspondente a 2026, que incrementou o orzamento a 10 millóns de euros
  • Trátase das propostas presentadas polos concellos de Cerdedo Cotobade, Covelo, Lalín, Ribadumia e Rodeiro
  • A medida potencia infraestruturas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía local

A Xunta vén de resolver a convocatoria da liña de apoio a infraestruturas municipais de carácter estratéxico correspondente a 2026, na que resultaron beneficiarias cinco propostas presentadas por concellos da provincia de Pontevedra. Trátase de Cerdedo Cotobade, Covelo, Lalín, Ribadumia e Rodeiro, que recibirán achegas que suman máis de 2,2 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) específico para estes investimentos.

Así, Cerdedo Cotobade recibirá máis de 493.000 euros para o acondicionamento de estrutura e envolvente do pavillón, presupostado en case 988.000 euros. Na área do Deza, Lalín habilitará un módulo cuberto de Atletismo e Rodeiro construirá un edificio polivalente para usos asistenciais, destinado a  centro de día e punto de atención infantil (PAI). O Goberno galego investirá 500.000 euros en cada unha das propostas, cuxos gastos ascenden a case 2,5 e máis de 1,3 millóns de euros respectivamente.

Pola súa banda, Covelo aposta por unha residencia xeriátrica e centro de día, para a que recibirá tamén 500.000 euros dun presuposto de case 3,2 millóns, e Ribadumia pola reforma da piscina municipal do complexo deportivo de Cabanelas, cun custo de case 524.000 euros dos que a Xunta financiará preto de 262.000.

Orzamento de 10M€ para 26 proxectos en Galicia

A través desta liña de apoio ás administracións locais, o Goberno galego impulsa iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos. A relevancia da iniciativa levou este ano a incrementar a contía ata os 10 millóns de euros, fronte aos máis de oito de cada unha das anteriores convocatorias, correspondentes aos anos 2024 e 2025. A Xunta consolida así este instrumento activado hai dous anos e fundamental para o eido local.

No conxunto de Galicia, a cifra de proxectos beneficiarios ascende a 26. Xunto aos cinco que se sitúan en Pontevedra, hai 10 na Coruña, seis en Ourense e outros cinco en Lugo. En canto ás tipoloxías, as infraestruturas deportivas foron as principais beneficiadas en todo o territorio, con 17 propostas financiadas e un investimento conxunto de 6,3 millóns de euros.

Cada proxecto estratéxico para o que se solicita apoio debe ter un orzamento mínimo de 400.000 euros e a Xunta financia un importe máximo por cada un deles do 50% do orzamento ou do custo final cun límite máximo de 500.000 euros. 

As iniciativas apoiadas a través destas achegas son fundamentais para a mellora dos servizos e para garantir un desenvolvemento territorial equilibrado, sostible e cohesionado cunha repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal. Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito supramunicipal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial.

Ademais, inclúense como estratéxicos os proxectos de investimento para a conexión, a reorganización, o agrupamento ou a centralización de edificios destinados á prestación de servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e do acceso á cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana.

Apoio ás administracións locais

As axudas do Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, que contan con diferentes liñas de apoio cada ano para facilitar tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas.

Entre elas figuran tamén o Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11,4 millóns de euros e destinado a investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio; a orde de axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, cun orzamento de 3,5 millóns de euros; e a nova liña activada este ano para facilitarlles aos concellos a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cunha contía superior ao millón de euros. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que segue subindo e chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.

Comparte este artigo