Unha fronte comarcal para acabar co colapso circulatorio

Redacción

Ángel García Seoane propón reunir a todos os concellos, sindicatos, empresas, Universidade e entidades veciñais para reclamar investimentos e solucións urxentes en mobilidade

O colapso circulatorio da comarca da Coruña xa non pode seguir tratándose como un problema puntual, nin como unha consecuencia inevitable do verán. É o resultado de décadas de abandono, falta de planificación e promesas incumpridas por parte das administracións responsables das infraestruturas.

Desde Alternativa dos Veciños consideramos que o que está acontecendo nas estradas da comarca é unha situación absolutamente insostible. Os atascos forman xa parte da vida diaria de miles de persoas e, desde Santa Cruz, chegar á Coruña pode supoñer hoxe máis dunha hora e cuarto de viaxe. Unha situación que afecta diariamente á cidadanía e tamén ao tecido empresarial.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, considera que “chegados a este punto, o hartazgo e a indignación é máxima” e puxo enriba da mesa unha proposta que considera imprescindible: crear unha fronte comarcal, sen partidismos, para reclamar dunha vez por todas as infraestruturas viarias que a comarca leva décadas demandando. A proposta pasa por que a Deputación convoque a todos os concellos da comarca, sindicatos, Universidade, entidades veciñais e empresarios para abordar conxuntamente as infraestruturas pendentes: Vía Ártabra, Alfonso Molina, ponte da Pasaxe, túnel de Santa Cristina ou Artabriña, entre outras.

O máis grave para Alternativa é que non estamos ante un problema novo. Levamos anos falando das mesmas obras, das mesmas estradas e das mesmas necesidades. A Vía Ártabra continúa sen completar as actuacións necesarias; Alfonso Molina segue soportando unha presión de tráfico desproporcionada; a ponte da Pasaxe continúa sendo un gran funil da comarca e proxectos como a Artabriña seguen acumulando incertezas.

E se as administracións seguen sen escoitar, Alternativa dos Veciños seguirá insistindo e poñendo sobre a mesa os problemas, como xa fixo coa mobilidade universitaria. Daquela, García Seoane presentou a campaña dun decrépito autobús con destino ao campus que tiña unha eiva fundamental: non arrincaba, en referencia á negativa da Xunta a poñer en marcha a liña demandada desde Perillo.

Agora o que non pode seguir sen arrancar son as solucións á mobilidade da comarca. Porque os atascos non son inevitables, pero si o será seguir reclamando mentres Xunta e Estado continúen sen dar resposta.

Comparte este artigo