· O Concello xa adxudicou o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar á empresa Idades por un período de dous anos, prorrogable outros dous, por un importe de máis de 1,4 millóns de euros.
· O novo contrato, que entrará en vigor a partir do 1 de setembro, supón unha mellora moi importante no servizo de atención a domicilio de axuda no fogar e permitirá atender a todas as persoas dependentes en situación 2 e 3.
· As horas de atención pasarán das 18.100 existentes no ano 2022 ás 30.050 horas contempladas no novo contrato, o que supón un incremento do 66,02%.
· O investimento municipal neste servizo pasa dos 802.000 euros que se destinaban á atención das persoas maiores dependentes cando entrou o actual Goberno aos máis de 1,4 millóns de euros.
O Concello de Soutomaior continúa avanzando na mellora da atención ás persoas maiores e dependentes coa adxudicación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que entrará en vigor a partir do 1 de setembro. O servizo foi adxudicado á empresa Idades por un período de dous anos, con posibilidade de prorrogar outros dous anos, por un importe de máis de 1,4 millóns de euros.
O novo contrato supón un importante reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, tanto en recursos económicos como no número de horas de atención dispoñibles, e permitirá que todas as persoas dependentes en situación 2 e 3 poidan contar con este servizo, eliminando as listas de espera existentes e dando resposta ás necesidades de numerosas familias de Soutomaior.
Desde a chegada do actual Goberno municipal, o Concello incrementou de maneira progresiva os recursos destinados a este servizo. Así, as horas de atención pasaron das 18.100 horas existentes no ano 2022 ás 30.050 horas previstas no novo contrato, o que representa un incremento do 66,02%.
Este aumento da capacidade do servizo vai acompañado dun importante esforzo económico. O Concello pasou de destinar aproximadamente 802.000 euros á atención das persoas maiores dependentes cando entrou o actual Goberno municipal a superar os 1,4 millóns de euros coa nova contratación.
O SAF ofrece atención personalizada ás persoas usuarias, acompañamento e apoio nas tarefas básicas da vida diaria, favorecendo a súa autonomía persoal, a súa permanencia no domicilio e mellorando a súa calidade de vida, ao tempo que proporciona apoio ás familias coidadoras.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinala que “a atención dos nosos maiores é unha obriga moral para o noso Goberno. A pesar de que estamos a falar dunha competencia impropia, que corresponde á Xunta, en Soutomaior temos claro que imos actuar con responsabilidade e defender a atención das nosas persoas maiores”.
“Con este novo contrato damos un paso fundamental, porque permitirá que todas as persoas maiores en situación de dependencia 2 e 3 poidan contar co Servizo de Axuda no Fogar, eliminando unhas listas de espera que supuñan situacións moi difíciles para moitas familias”, engade o alcalde.
Manu Lourenzo tamén quixo agradecer o traballo realizado polo persoal técnico e polos funcionarios municipais para facer posible a adxudicación deste contrato, así como o labor da concelleira de Benestar e Servizos Sociais, Rosana Martínez Boullosa, destacando que “detrás desta contratación hai semanas de traballo e, sobre todo, unha enorme sensibilidade e compromiso coa atención e o coidado dos nosos maiores”.
O alcalde subliñou ademais que “se este reforzo do Servizo de Axuda no Fogar é posible é porque en Soutomaior contamos cunha situación económica positiva e saneada, que nos permite investir os recursos públicos onde máis falta fan e priorizar a atención ás persoas”.
Para máis información sobre o Servizo de Axuda no Fogar, as persoas interesadas poden contactar cos Servizos Sociais municipais no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou a través do teléfono 986 705 106.

