Miguel Fernández reivindica en Fonte dos Ranchos un modelo de cidade que transforme os barrios fronte á política de “parches” do Goberno de Candia

Redacción

Os socialistas propoñen recuperar o proxecto para remodelar integralmente o parque infantil de Fonte dos Ranchos e complementalo cunha nova pista multideporte a apenas 100 metros, dentro da política de gañar espazos para a cidadanía.

A actuación formaba parte dunha planificación de máis dun millón de euros para crear e renovar áreas infantís en Lugo, con proxectos específicos tamén no Sagrado Corazón e na Praza do Camiño Primitivo, vinculados á transformación das súas contornas.

“Nós temos claro cara onde queremos levar Lugo. Agora tócalle ao Goberno de Candia demostrar se ten a mesma ambición para transformar a cidade”, sinala o voceiro socialista.

O Grupo Municipal Socialista reivindica a transformación impulsada por Miguel Fernández para Fonte dos Ranchos como exemplo do modelo de cidade impulsado durante o anterior Goberno e reclama que o cambio político provocado pola moción de censura non supoña deixar atrás proxectos deseñados para mellorar a vida nos barrios. A actuación contemplaba a renovación integral do actual parque infantil e a creación, a apenas 100 metros, dunha nova pista multideporte na Avenida Marqués de Ombreiro.

“Un parque infantil non son só columpios. É onde unha familia baixa cos nenos pola tarde, onde os rapaces quedan cos amigos e onde un barrio se encontra e cobra vida. Iso é o que significa transformar os espazos públicos pensando nas persoas que os utilizan cada día”, explicou o voceiro socialista, Miguel Fernández.

No caso concreto de Fonte dos Ranchos, o proxecto contemplaba unha renovación integral da actual área infantil, cunha nova configuración dos espazos e dos elementos de xogo para crear unha instalación máis moderna, accesible, inclusiva e adaptada ás diferentes idades. Para esta actuación quedaran consignados 220.000 euros no Orzamento municipal de 2026.

A intervención completábase coa transformación da área infantil situada na Avenida Marqués de Ombreiro, a apenas 100 metros, nunha nova pista multideporte. A memoria elaborada para esta actuación constata o deterioro das instalacións existentes e considera esgotada a vida útil deste espazo como parque infantil. Ao mesmo tempo, sinala a proximidade de Fonte dos Ranchos, unha área máis ampla, con mellores accesos, zonas de estancia e unha elevada utilización por parte das familias.

A planificación permitía así complementar os dous espazos e atender necesidades diferentes dentro do mesmo barrio: concentrar en Fonte dos Ranchos unha gran área infantil renovada e aproveitar a segunda localización para incorporar unha dotación deportiva actualmente inexistente na zona e dirixida especialmente á xente máis nova.

A pista proxectada conta cunhas dimensións de 20,58 por 9,08 metros e permitiría a práctica de fútbol sala, baloncesto e voleibol. O deseño inclúe accesos adaptados para persoas en cadeira de rodas, pavimento específico, marcaxe para as distintas disciplinas deportivas, rede parabalóns e sistema de drenaxe.

Máis dun millón de euros para crear e renovar parques infantís

Fernández incidiu en que Fonte dos Ranchos non era unha actuación illada, senón que formaba parte dunha planificación coa que o anterior Goberno deixara máis dun millón de euros previstos para a creación, remodelación e renovación de parques infantís en diferentes puntos de Lugo.

Entre as actuacións contempladas atopábase a reforma do parque infantil e da zona verde anexa do Sagrado Corazón, nunha contorna chamada a experimentar unha importante transformación coa entrada en funcionamento da nova estación intermodal.

Do mesmo xeito, estaba prevista a creación dun novo parque infantil na Praza do Camiño Primitivo, moi próximo a Carril das Flores, onde a peonalización permitiu recuperar espazo público para as persoas e transformar a maneira de vivir e relacionarse coa contorna.

“Ese é o noso modelo: non facer parches soltos, senón pensar os barrios e pensar a cidade”, defendeu Fernández, quen explicou que estas actuacións buscaban acompasar as grandes transformacións urbanas con intervencións capaces de chegar ao día a día da veciñanza.

Neste sentido, o voceiro socialista defendeu que a transformación dunha cidade non pode medirse unicamente nas grandes infraestruturas, senón tamén na maneira na que estas repercuten sobre os barrios que as rodean e sobre a vida cotiá das persoas. “Unha nova estación ten que ser tamén unha oportunidade para mellorar a súa contorna, do mesmo xeito que unha peonalización debe servir para recuperar espazos nos que vivir, convivir e desfrutar da cidade”, apuntou.

A planificación incluía tamén unha partida de máis de 239.000 euros para acometer renovacións parciais noutras áreas infantís existentes, dando continuidade ás actuacións de conservación e mellora que o Concello viña desenvolvendo sobre unha rede de preto de 80 parques infantís e biosaudables repartidos polo municipio.

“Lugo necesita máis que pequenas actuacións”

Fernández lamentou que a moción de censura interrompese este camiño e advertiu de que, catro meses despois do cambio de Goberno, o Executivo de Candia continúa centrando boa parte da súa acción en actuacións puntuais, algunhas delas xa impulsadas antes da chegada do PP á Alcaldía.

“Non cuestionamos que haxa que reparar, conservar ou atender as pequenas necesidades da cidade. Por suposto que hai que facelo. O problema é pensar que gobernar Lugo consiste só niso”, afirmou Fernández.

O voceiro socialista contrapuxo esta forma de actuar cun modelo baseado na planificación e na capacidade de conectar as diferentes actuacións para conseguir que teñan un impacto maior sobre os barrios. “Non se trata de acumular pequenas obras en distintos puntos do mapa, senón de saber que cidade queremos construír e facer que cada actuación contribúa a ese obxectivo”, sinalou.

Os socialistas reivindican, por tanto, que os proxectos previstos para Fonte dos Ranchos e para outras áreas infantís da cidade continúen adiante e avanzan que seguirán defendendo desde a oposición as actuacións que consideran necesarias para que Lugo non perda ambición nin capacidade de transformación.

“Nós temos claro cara onde queremos levar Lugo. Agora tócalle ao Goberno de Candia demostrar se ten a mesma ambición para transformar a cidade”, destacou Fernández.

“Porque gobernar non é pensar na próxima foto. É pensar na cidade que queremos deixar para a próxima xeración”, concluíu.

Comparte este artigo