O PSOE califica de gran éxito da sociedade lucense lograr que Candia cambie de postura sobre o Museo da Romanización tras votar en contra dos 3 millóns orzamentados polo anterior Goberno

Redacción

González Abelleira lembra que o PP rexeitou os orzamentos de 2026 que incluían a consignación para o proxecto e acusa á alcaldesa de continuar agora unha folla de ruta que non apoiou xa que “ata fai dous días apostaba por un Parador en San Fernando”


A portavoz socialista reivindica o traballo de Miguel Fernández para impulsar o museo, conseguir financiamento e reclamar á Xunta a súa responsabilidade

González Abelleira lembrou que o anterior Executivo deu pasos fundamentais para facer posible o proxecto, entre eles a solicitude do 2% Cultural, as xestións ante o Goberno de España para que Lugo puidese optar a esta liña de financiamento e, especialmente, a incorporación de 3 millóns de euros nos orzamentos municipais de 2026

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, reivindicou hoxe o traballo desenvolvido durante os últimos anos polo anterior Goberno municipal, encabezado por Miguel Fernández, para avanzar na creación do Museo da Romanización no antigo cuartel de San Fernando, e denunciou que Elena Candia “pretende apropiarse agora dunha folla de ruta que o seu propio partido rexeitou cando tivo que decidir con feitos e recursos”.
González Abelleira lembrou que o anterior Executivo deu pasos fundamentais para facer posible o proxecto, entre eles a solicitude do 2% Cultural, as xestións ante o Goberno de España para que Lugo puidese optar a esta liña de financiamento ante a inacción da Xunta de Galicia e, especialmente, a incorporación de 3 millóns de euros nos orzamentos municipais de 2026 destinados a avanzar na materialización do museo.
“É importante que os lucenses saiban a verdade: o Partido Popular de Elena Candia votou en contra dos orzamentos que reservaban tres millóns de euros para este proxecto. E agora, despois da moción de censura, vemos como o Goberno de Candia continúa a folla de ruta que non apoiou e intenta presentar como propio o traballo realizado por Miguel Fernández e polo anterior Executivo”, sinalou.
A portavoz socialista destacou que esta planificación municipal foi acompañada durante anos de continuas reclamacións á Xunta de Galicia, administración que debe asumir unha responsabilidade fundamental no desenvolvemento do equipamento. “Mentres nós faciamos o traballo político e administrativo, buscabamos financiamento e poñiamos recursos municipais enriba da mesa, Candia defendía outras alternativas para o antigo cuartel, chegando a propoñer a súa transformación nun hotel. Agora pretende facernos crer que sempre estivo comprometida co Museo da Romanización”, criticou.
González Abelleira considera que a contradición resulta especialmente evidente porque non existe ningún avance relevante do actual Goberno que non estivese previamente impulsado ou encamiñado polo Executivo socialista. “Candia non tivo que inventar o proxecto, nin descubrir o cuartel, nin iniciar as xestións, nin reservar os fondos. Atopouse cun traballo desenvolvido durante anos e agora limítase a seguir unha senda que o seu partido criticou e votou en contra”, afirmou.
A edil socialista reivindicou especialmente o papel de Miguel Fernández na defensa deste proxecto como unha oportunidade estratéxica para Lugo. “Miguel Fernández entendeu que Lugo non podía limitarse a conservar as súas pezas arqueolóxicas senón que tiña que convertelas nun instrumento de coñecemento, cultura, turismo e desenvolvemento económico. Por iso traballou para conseguir financiamento, para comprometer recursos municipais e para esixir á Xunta que estivese á altura da cidade”.
González Abelleira lembrou que Lugo dispón de máis de 15.000 pezas arqueolóxicas dos séculos I ao III correspondente ao período Altoimperial, un patrimonio que, ao seu xuízo, permite á cidade aspirar a converterse nun referente da romanización do noroeste peninsular.
“Temos a historia, temos o patrimonio, temos as pezas e temos un edificio excepcional. O que necesitamos é vontade política para facer realidade un proxecto que pode ter unha enorme repercusión cultural, turística e económica. E esa vontade existiu no anterior Goberno. O que estamos vendo agora é a apropiación dun traballo que durante anos foi criticado polo Partido Popular”, afirmou.
A portavoz socialista esixiu finalmente a Candia que deixe de limitarse a continuar os proxectos recibidos e exerza a súa responsabilidade como alcaldesa reclamando á Xunta de Galicia os recursos e compromisos que Lugo necesita. “Non lle pedimos que faga nada extraordinario: simplemente que non paralice o traballo realizado e que defenda diante da Xunta aquilo que é xusto para Lugo. Pero tamén lle pedimos algo máis: que deixe de reescribir a historia. O Museo da Romanización non naceu con Candia. É o resultado de anos de traballo dos gobernos socialistas e, moi especialmente, do compromiso de Miguel Fernández”, concluíu.

Comparte este artigo