A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 21 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 21 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu hoxe no salón de plenos.

Licenzas (6). Concedeu as licenzas de obra para dous proxectos de construción de senllas vivendas unifamiliares na rúa Camiño das Canas e para a ampliación doutra na estrada OU-0526, en Madrosende (A Cabeanca). Denegou as autorizacións urbanísticas para os proxectos de cambio de uso a vivenda dun local comercial na Avenida de Buenos Aires e para a legalización e remate de obras de reforma dunha edificación auxiliar para almacén na rúa de Santa Águeda; e a solicitude de cambio de titularidade dunha licenza de obras na rúa Valle-Inclán.

Disciplina (1). Declarou en situación de ruína un inmoble na rúa da Asunción, a causa do seu mal estado, e acordou a demolición por parte do seu propietario.

Contratación (2). Aprobou o expediente para contratar o servizo de atención, control e prestación de primeiros auxilios nos espazos termais de uso lúdico da Chavasqueira, Outariz e Burga de Canedo, e no espazo de baño do Muíño da Veiga, cun orzamento base de licitación de 293.618,79 euros anuais, IVE incluído. Tamén aprobou o expediente para renovar o servizo de mantemento e soporte de licenzas Oracle do Concello por 11.448,33€ anuais (IVE incluído).

Avogacía consistorial (9). Deu conta de dúas sentenzas ditadas polos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo (prazas número 1 e 2) de Ourense e doutra ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ademais, o Concello comparecerá en 6 procedementos xudiciais ante os tribunais de instancia (prazas número 1 e 2) de Ourense.

Fóra da orde do día (3). Aprobou a declaración de emerxencia, ao abeiro do artigo 120.1 da Lei de Contratos do Sector Público, das obras na antiga Casa de Baños do Outeiro, a causa do incendio rexistrado o pasado día 15 de maio, ante a situación de perigo grave e inmediato por risco inminente de colapso estrutural, certificada polos informes técnicos.

Tamén deu conta dos decretos de avocación temporal na Alcaldía das funcións das áreas de Administración Xeral, Loxística e Participación Cidadá, e de delegación temporal de competencias de Seguridade Cidadá e Mobilidade na concelleira Ana Fernández Nieto.

Comparte este artigo