PSOE e BNG cuestionan a retirada da seguridade da entrada da Casa Consistorial e consideran un desaproveitamento deste servizo

Redacción

Ambas formacións destacan o importante labor de control de accesos que realizaba o persoal nas horas de maior afluencia e consideran incomprensible a súa retirada

O BNG e o PSOE cuestionan a decisión do goberno municipal de Lugo de retirar o servizo de seguridade e control de accesos da entrada principal da Casa Consistorial, unha medida que ambas formacións consideran difícil de entender tendo en conta o importante labor que este persoal realizaba no día a día do edificio.

Durante as horas de maior afluencia, o persoal encargado da seguridade desempeñaba un importante traballo de control e organización dos accesos, contribuíndo ao correcto funcionamento dun edificio ao que acoden diariamente numerosas persoas para realizar diferentes xestións.

BNG e PSOE consideran que a retirada deste servizo supón un desaproveitamento dos recursos públicos. O persoal que ata o de agora realizaba estas funcións na Casa Consistorial foi trasladado ao edificio de Novas Tecnoloxías, unha decisión que ambas formacións cuestionan ao considerar incomprensible prescindir do seu labor nun punto no que demostrara a súa utilidade, especialmente nos momentos de maior afluencia.

Un local que sempre estivo aberto

BNG e PSOE lembran tamén que a apertura do edificio de Novas Tecnoloxías non é ningunha novidade, xa que estas instalacións permaneceron abertas con anterioridade. Por iso, consideran que non existe unha circunstancia nova que xustifique a reorganización dun servizo que ata o de agora cumpría unha función necesaria na entrada principal.

As dúas formacións consideran que o Concello debe garantir unhas condicións dignas para o persoal que presta este servizo e facilitar os medios necesarios para o correcto desenvolvemento do seu traballo.

Por todo isto, BNG e PSOE reclaman ao goberno municipal que reconsidere a retirada do servizo de seguridade da entrada da Casa Consistorial, aproveite de maneira eficiente os recursos públicos destinados a este servizo e garanta condicións adecuadas para o persoal encargado do control de accesos nos diferentes edificios municipais.

Comparte este artigo