O alcalde, Roberto Carrero, visitou Diagnostika Garage, o novo taller especializado en diagnose dixital e mecánica na Guarda

Redacción
  • O Concello da Guarda continúa coa campaña de promoción dos novos establecementos e daqueles negocios que estrean nova xerencia no municipio
  • O novo taller, situado na rúa Vigo, 5; está especializado en electrónica automotriz avanzada, diagnose dixital, reprogramación de software e mecánica xeral

O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visitou dentro da campaña de promoción dos novos establecementos e daqueles negocios que estrean nova xerencia: Diagnostika Garage, un novo taller mecánico que acaba de iniciar a súa actividade no municipio.

O establecemento abre de luns a venres, en horario de 9:00 a 17:00 horas, e está situado na rúa Vigo, 5.        

Durante a visita, Carrero coñeceu o proxecto empresarial impulsado por Yhonnathan Oliveros Rondón, emprendedor venezolano de nacemento e galego de adopción, que conta con máis de 30 anos de experiencia profesional e formación especializada en electrónica e mecánica.         

Tras varios anos traballando nun taller en Vigo, Yhonnathan decidiu dar o paso e emprender por conta propia na Guarda dende o pasado 1 de setembro. A súa vinculación previa coa zona e a consideración de que o municipio ofrecía un bo lugar para desenvolver a súa actividade e asentarse levaron ao emprendedor a apostar pola Guarda para poñer en marcha este novo proxecto. 

Diagnostika Garage combina a mecánica xeral e os servizos de mantemento e reparación coa especialización en electrónica automotriz, diagnose dixital e software, empregando equipos de última xeración adaptados a vehículos de diferentes marcas. 

Un dos elementos diferenciadores do negocio é precisamente a súa aposta pola diagnose avanzada e a reprogramación de software, ofrecendo solucións como reprogramacións Stage 1 e Stage 2, clonación de unidades de control, recuperación de software orixinal ou diferentes intervencións sobre os sistemas electrónicos dos vehículos.        

O alcalde, Roberto Carrero, destacou durante a visita a importancia de seguir apoiando e dando visibilidade aos novos establecementos, especialmente cando se trata de proxectos que apostan pola especialización e pola incorporación de novos servizos.

Dende o Concello da Guarda desexamos a Yhonnathan moito éxito nesta nova etapa profesional e empresarial na Guarda.

Comparte este artigo