O Concello require a  Xunta que execute a urbanización pendente da contorna do campo do Couto

Redacción

O informe xurídico constata que as obras de reforma do estadio non se executaron na súa totalidade

“A Xunta volve deixar tirada Ourense”, sinalan desde o goberno municipal

O Concello de Ourense require a Xunta de Galicia que execute as obras de urbanización da contorna do campo de fútbol do Couto. Esta intervención estaba incluída no proxecto de reforma do estadio, recentemente executado pola administración autonómica, pero non foi realizada.

“A Xunta volve deixar tirada Ourense”, manifestan desde o goberno municipal, que denuncia a “deixación” da administración autonómica tras constatar segundo o informe xurídico municipal que as obras do estadio do Couto non se executaron na súa totalidade conforme ao proxecto licenciado.

O informe sinala expresamente que quedaron pendentes as obras de urbanización de terreos de cesión, uns 2.180 metros cadrados, incumprindo as condicións da licenza concedida polo Concello. Para o goberno municipal “este é un novo exemplo de como a Xunta anuncia actuacións en Ourense pero despois deixa as cousas a medias, e somos nós, o Concello, quen afronta as consecuencias e ten que poñer orde ante unha actuación incompleta”.

Neste caso, avanzan desde o goberno municipal, se a administración autonómica  non cumpre coas súas obrigas, o Concello seguirá o procedemento previsto no informe xurídico: declarará, previa audiencia, a ineficacia da comunicación de primeira ocupación, o que suporá que non existe título habilitante para ocupar o inmoble”.

Comparte este artigo