- Esta clasificación nacional -promovida pola Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos e Gaceta Médica- sitúa ao Complexo pontevedrés na quinta posición do país en alta complexidade tras avaliar a súa traxectoria asistencial entre os anos 2021 e 2025
- O Hospital Comarcal do Salnés é o único centro sanitario galego incluído no ránking estatal de media complexidade, xunto a hospitais madrileños, cataláns, valenciáns, andaluces, murcianos e de Castela-A Mancha
- Estes posicionamentos no Ranking supoñen para a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés un estímulo para seguir afondando na seguridade dos pacientes, na humanización da asistencia e na excelencia da Sanidade Pública da bisbarra
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de acadar un destacado recoñecemento á súa calidade asistencial coa publicación do Ranking de Hospitales Best in Class 2026, no que se sitúa ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra no quinto posto nacional da categoría de alta complexidade e se inclúe ao Hospital Comarcal de O Salnés coma o único representante galego no eido da media complexidade.
Esta nova clasificación de ámbito estatal avalía a evolución, a constancia e o nivel de calidade dos centros hospitalarios españois ao longo do último quinquenio (2021-2025). A diferencia da fotografía anual que ofrecen os Premios Best In Class, esta análise lonxitudinal -promovida pola Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos e Gaceta Médica– premia a continuidade nos bos resultados, a capacidade de mellora e a solvencia dos servizos clínicos.
Para a elaboración desta clasificación utilizouse o Índice de Calidade Asistencial ao Paciente –ICAP®-, un indicador avalado por sociedades científicas e expertos do sector sanitario español que analiza a organización, os procesos e as boas prácticas orientadas ao coidado do doente.
Excelencia conxunta en alta e media complexidade
A inclusión do CHUP pontevedrés neste Ranking de Hospitales Best in Class 2026 no top 5 de alta complexidade -unha categoría que abrangue a 39 grandes hospitais de toda España- responde á suma das puntuacións obtidas tanto polo conxunto do Complexo Hospitalario coma polas súas distintas unidades e servizos clínicos ao longo dos últimos cinco anos.
Deste xeito, o Complexo pontevedrés comparte os primeiros postos deste Ránking nacional xunto a centros hospitalarios de referencia coma son o Hospital Universitario Marqués de Valdecilla, o Hospital Gregorio Marañón, a Fundación Jiménez Díaz ou o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, entre outros.
Pola súa banda, na clasificación nacional dos 22 hospitais de media complexidade, o único centro sanitario galego incluído é o Hospital Comarcal de O Salnés, que figura nesta selección española acompañando a recoñecidos centros hospitalarios madrileños, cataláns, valenciáns, andaluces, murcianos e de Castela-A Mancha, ratificando a calidade asistencial que se presta no distrito sanitario de O Salnés.
Compromiso coa calidade e a mellora continua
A Dirección da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés valora moi positivamente sendas inclusións dos seus centros asistenciais no Ranking de Hospitales Best in Class 2026, salientando que supoñen un aval público ao traballo diario e ao compromiso dos equipos de profesionais de ambos os dous distritos sanitarios.
Estes posicionamentos no Ranking supoñen un estímulo para seguir afondando na seguridade dos pacientes, na humanización da asistencia e na excelencia da Sanidade Pública da bisbarra.

