Jorge Bustos esixe a Candia que desbloquee a Cidade de Deporte de San Fiz e evite que o gran proxecto deportivo dos últimos 20 anos quede paralizado

Redacción

O concelleiro socialista reclama a Damián Carballo que axilice a tramitación dunha infraestructura estratéxica que o anterior Goberno deixou en marcha tras más de dous anos de traballo e unha contratación superior aos 300.000 euros.

Bustos denuncia que o Goberno de Candia carece de iniciativa e está máis preocupado por promocionar actuacións menores con rédito político que por impulsar o maior complexo deportivo planificado para dar cabida ao futuro do deporte base lucense

Non pedimos ao Goberno que invente nada: pedímoslle que continúe un proxecto que xa estaba executado, planificado e deseñado para responder ás necesidades deportivas das próximas xeracións”

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista e anterior responsable das áreas de Urbanismo, Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, reclamou hoxe ao Goberno de Candia e, en particular, ao actual concelleiro de Deportes, Damián Carballo, que axilice de inmediato a tramitación da Cidade do Deporte de San Fiz e evite que o que estaba chamado a ser o maior proxecto de infraestrutura deportiva da cidade no século XXI quede paralizado tras a moción de censura.

Bustos lembrou que o anterior Goberno municipal deixou este proxecto nunha fase avanzada despois de máis de dous anos de traballo e dun proceso de análise das necesidades reais do tecido deportivo lucense. En xaneiro de 2026 anunciouse a contratación do proxecto por un importe superior aos 300.000 euros.

“Estamos falando dun proxecto que non naceu dun anuncio improvisado nin dunha ocorrencia de última hora. Foi o resultado de máis de dous anos de traballo, de centos de horas de conversación cos clubs, entidades e axentes deportivos da cidade e dun estudo das necesidades que Lugo terá durante as próximas décadas”, explicou o edil socialista.

A Cidade do Deporte foi concibida como un complexo integral destinado fundamentalmente a reforzar o deporte base e afeccionado, cunha dimensión que vai moito máis alá da construción dun equipamento convencional. O proxecto contempla un novo pavillón con tres pistas independentes de 40×20 metros (o que da unhas amplitudes para a alternancia de deportes importantes) , sala de musculación no espazo deportivo, espazos polivalentes para deportes de contacto e suelo, ademais dun novo campo de fútbol e outro de rugby. O complexo incluiría tamén vestiarios, bancadas e outros servizos complementarios. Esta infraestructura xeraría unha equidistribución dos espazos deportivos da cidade permitindo transformar outras infraestructuras deportivas a outros deportes para que disciplinas como badmintón ou squash tiveran pista municipal, por exemplo.

En total, a actuación foi deseñada sobre unha parcela de máis de 32.000 metros cadrados, cunha superficie construída prevista de 24.470 metros cadrados. “Non estamos falando dunha actuación menor nin dun equipamento máis. Estamos falando dunha infraestrutura capaz de cambiar completamente as posibilidades do deporte lucense e de dar resposta ás necesidades dos clubs, das escolas deportivas e das novas xeracións de deportistas”, sinalou Bustos.

O concelleiro socialista considera especialmente preocupante que o actual Executivo local non estea colocando este proxecto entre as súas prioridades. “O Goberno de Candia parece instalado nunha política de baixas revolucións na que se intenta maquillar a falta de iniciativa mediante o anuncio constante de pequenas actuacións. Mentres tanto, os grandes proxectos que poden transformar Lugo quedan esquecidos”, denunciou.

Para Bustos, a situación resulta aínda máis difícil de entender porque a actual responsable municipal de Deportes recibiu un proxecto xa definido e cunha contratación en marcha. “Damián Carballo non ten que empezar de cero. Non ten que descubrir cales son as necesidades do deporte lucense nin elaborar agora unha estratexia. O traballo estaba feito. O que ten que facer é xestionalo, darlle continuidade e conseguir que avance”, afirmou.

O edil socialista advertiu de que a paralización deste proxecto tería consecuencias especialmente negativas para o deporte base. “Lugo ten un tecido deportivo extraordinariamente dinámico, con centos de deportistas, clubs e escolas que necesitan instalacións adecuadas. Non podemos seguir pensando no deporte con solucións parciais ou temporais. Necesitamos planificación e equipamentos preparados para as próximas décadas”, explicou.

Bustos reivindicou tamén a dimensión social do proxecto. “Investir en deporte é investir en saúde, educación, convivencia, igualdade e cohesión social. É ofrecer á infancia e á mocidade espazos nos que practicar deporte, relacionarse, adquirir valores e construír comunidade. Por iso a Cidade do Deporte era unha prioridade para o anterior Goberno e debería selo tamén para calquera Executivo que realmente teña un proxecto de cidade”, afirmou.

O concelleiro socialista lembrou que o proxecto pretendía abrir “un horizonte que ata hai pouco parecía impensable en Lugo” e que a súa planificación respondeu precisamente á vontade de dotar á cidade dunha infraestrutura deportiva de referencia.

Finalmente, Jorge Bustos reclamou a o Executivo formado polo grupo de Candia e a transfuga Reigosa que explique públicamente en que estado se atopa o proxecto e se van a executalo ou non.

“Ainda estamos a esperar a choiva de millóns da Xunta  en matería deportiva, así como o fixo noutas cidades . Eles mesmos poderían facer posible que os Cash IFA fora unha instalación deportiva ao ter instrumentos que actúan sen ter en conta  o Plan Xeral, ou mesmo negociar co Concello a rehabilitación do pavillón da OJE, pero o goberno da Señora Candia está máis preocupado en darlle a razón a Administración autonómica e non aos problemas da veciñanza  e do nos tecido deportivo”, indicou o edil.

“Non queremos anuncios. Queremos saber onde está o proxecto, que se fixo desde maio e cando vai avanzar. Candia pode seguir facendo oposición ao anterior Goberno ou pode empezar a gobernar ainda que sexa co traballo feito. A Cidade do Deporte é demasiado importante para Lugo como para quedar atrapada na parálise deste Executivo cortoplacista”, concluíu.

Comparte este artigo