O concello de Arbo convoca un curso de defensa persoal feminina gratuíto para mulleres e mozas

Redacción

  • O prazo de inscrición xa está aberto e as prazas son limitadas, asignadas por rigorosa orde de solicitude.
  • A iniciativa forma parte das accións de 2026 da Consellería de Política Social e Igualdade, enmarcanse no acordo coa FEGAMP.

O Concello de Arbo pon en marcha un Curso de Defensa Personal e Autocapacidades, unha iniciativa totalmente gratuíta dirixida a todas as mulleres e mozas do municipio. O proxecto conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade —a través da Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero— no marco do acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.

O obxectivo principal desta acción é fomentar o rexeitamento social e institucional contra a violencia de xénero, sensibilizando á poboación e implicándoa activamente na construción de modelos de convivencia baseados no respecto e na igualdade real.

O curso será impartido por monitores e monitoras especialistas na materia. A finalidade é dotar ás participantes de ferramentas prácticas e psicolóxicas de autocapacidade e defensa, permitíndolles previr e responder ante posibles situacións de risco.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, subliñou a importancia deste tipo de iniciativas no municipio: “Desde o Concello de Arbo temos un compromiso firme e inquebrantable coa seguridade e a igualdade das nosas veciñas. Con este curso non só buscamos ofrecer ferramentas útiles e eficaces de autodefensa para as mulleres e mozas, senón tamén enviar unha mensaxe clara e rotunda de tolerancia cero contra calquera forma de violencia de xénero. Animamos a todas as interesadas a participar nesta actividade fundamental para a súa autonomía e tranquilidade.”

Inscricións abertas

  • Lugar de inscrición: Oficinas municipais do Concello de Arbo.
  • Prazas: Limitadas, cubertas por rigorosa orde de inscrición.
Comparte este artigo