O portavoz socialista pon en valor todo o traballo desenvolvido polo anterior Goberno para adquirir e poñer á disposición da Xunta esta parcela de carácter estratéxico na que é necesario planificar a execución da escola infantil e o centro de día
Fernández reclama a Candia que dea continuidade ao traballo institucional impulsado por el como alcalde e demande á Xunta que aproveite o potencial do solo para responder ás necesidades presentes e futuras do barrio
“Conseguimos desbloquear e facer posible que este terreo estea ao servizo da cidade para o que tivemos que levar a cabo un importante investimento; agora Candia non pode conformarse con entregar a parcela, ten que defender ante a Xunta todo o que Lugo necesita”
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, puxo en valor todo o traballo político, técnico e administrativo desenvolvido durante o anterior Goberno municipal para conseguir os terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón e poñelos á disposición da Xunta de Galicia para facer realidade o novo centro de saúde comprometido para este ámbito da cidade. “Culminamos un traballo fundamental para o futuro do barrio para o que foi necesario realzar un investimento superior a los 700.000 euros”, dixo.
Fernández lembrou que o Concello asumiu durante o seu mandato a responsabilidade de desbloquear unha situación que levaba anos pendente e que esixiu unha tramitación complexa. O expediente de expropiación foi aprobado inicialmente en outubro de 2025, sometido posteriormente a información pública e ás correspondentes alegacións, que foron analizadas polos servizos técnicos municipais . Finalmente, o procedemento quedou finiquitado a espera da incorporación de remanentes que se produxo despois da moción de censura.
O portavoz socialista considera que precisamente por tratarse dun solo estratéxico, o único dotacional dunha zona con grandes perspectivas de crecemento, o actual Goberno municipal non pode limitarse a culminar o expediente e dar por rematada a súa responsabilidade. “Agora é cando máis falta fai ambición e visión de cidade. O Concello conseguiu poñer este terreo a disposición da Xunta para que constrúa o centro de saúde, pero Candia ten que facer algo máis: ten que defender ante o Goberno galego que este espazo se aproveite na súa integridade e que a actuación dea resposta ao conxunto das necesidades da veciñanza”, afirmou.
Fernández fixo fincapé na transformación que experimentará esta contorna nos próximos anos, especialmente pola entrada en funcionamento da nova estación Intermodal e pola evolución residencial da zona. “Tendo en conta a previsión de crecemento que vai experimentar este ámbito, insistimos tanto na necesidade de que a Xunta non só constrúa o novo e imprescindible centro de saúde, senón que aporte outras infraestruturas públicas reclamadas por min personalmente ante o Gobierno autonómico e que contan co respaldo da veciñanza como o centro de día ou a escola infantil. Non podemos pensar unicamente no que Lugo necesita hoxe; temos que anticiparnos ás necesidades que terá mañá”, explicou.
Neste sentido, o portavoz socialista reclamou Candia que recupere o traballo institucional desenvolvido polo anterior Goberno e que utilice todas as vías de interlocución coa Xunta para conseguir que a parcela permita concentrar os equipamentos públicos de carácter slociosaniatario que a zona demanda. “ Se temos un solo público estratéxico, con dimensión suficiente e nunha zona chamada a experimentar unha profunda transformación urbana, sería un erro limitar a súa utilización a unha única dotación sen analizar o conxunto das necesidades do barrio”, advertiu.
Fernández subliñou ademais que a chegada da estación Intermodal vai modificar profundamente as relacións urbanas desta parte da cidade, incrementando a súa centralidade e xerando novas necesidades en materia de servizos, equipamentos e atención á cidadanía. “As administracións teñen que ir por diante da transformación urbana e non chegar sempre tarde. O Sagrado Corazón, As Gándaras, Paradai e toda a súa contorna están chamados a ter un protagonismo cada vez maior na estrutura urbana de Lugo”, afirmou.
Por iso, o líder socialista reclamou que o Concello manteña unha interlocución permanente coa Xunta para definir un programa de equipamentos públicos ambicioso, coordinado e acorde co crecemento previsto. “O que lle pedimos a Candia é que non renuncie á capacidade do Concello para defender os intereses de Lugo. Ten que ir á Xunta e reclamar máis: máis equipamentos, máis servizos e unha planificación acorde coa transformación que vai vivir esta zona”, insistiu.
Finalmente, Miguel Fernández advertiu de que o futuro do Sagrado Corazón non pode abordarse desde unha perspectiva limitada. “O centro de saúde é imprescindible e debe facerse canto antes, pero non pode ser o punto final. Ten que ser o punto de partida dunha planificación máis ambiciosa para unha zona que vai experimentar unha transformación extraordinaria. Nós fixemos o traballo necesario para conseguir os terreos e poñelos á disposición da Xunta. Agora Candia ten que continuar esa senda, defender Lugo e reclamar á Xunta que este espazo público sirva para dar resposta tamén ás necesidades futuras da cidadanía”, sinalou Miguel Fernández.
“Como alcalde fixen o que me correspondía: asumín unha responsabilidade que durante anos non se resolvera, impulsei a tramitación, garantindo a seguridade xurídica e traballei para que este terreo puidese quedar finalmente ao servizo da cidadanía. Non estamos falando dunha declaración de intencións, senón dun traballo administrativo e político que permitiu desbloquear unha infraestrutura imprescindible para o Sagrado Corazón. Agora debe continuar defendendo os intereses de Lugo ante a Xunta. Candia non pode mirar cara outro lado”,concluíu.

