A iniciativa “Rutas que rexeneran”, promovida pola institución provincial a través do Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, desenvolverase durane os meses de setembro e outubro
O programa comezará en Lobeira este domingo, 13 de setembro, e percorrerá os 14 concellos que integran o xeodestino
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, pon en marcha “Rutas que rexeneran”, un programa de catorce itinerarios guiados polo Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés que busca contribuír á desestacionalización da actividade turística e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e inmaterial deste territorio.
A iniciativa, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, comezará este domingo, 13 de setembro, cun roteiro por Lobeira. A programación continuará durante os meses de setembro e outubro nos catorce concellos que integran o xeodestino: Bande, A Bola, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, A Merca, Muíños, Padrenda, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.
Baixo o selo do Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés, “Rutas que rexeneran” propón redescubrir esta área da provincia mediante experiencias que combinan natureza, gastronomía, cultura e sostibilidade. Os itinerarios permitirán coñecer a historia, as tradicións, as paisaxes e os recursos locais, ao tempo que favorecen un modelo turístico respectuoso co territorio e con capacidade para xerar actividade ao longo de todo o ano.
O Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés constitúe un dos territorios de maior diversidade patrimonial e paisaxística da provincia. Nel conflúen poboados castrexos, vestixios da presenza romana, construcións relixiosas, arquitectura tradicional e vilas cunha destacada herdanza medieval e literaria.
A esta riqueza cultural súmase unha contorna natural de elevado valor ecolóxico, caracterizada polas serras graníticas, os vales, as fragas ben conservadas e os cursos dos ríos. Estes recursos conforman un escenario especialmente axeitado para o turismo sostible e para experiencias que promovan o contacto coa natureza e o coñecemento do interior de Galicia.
As actividades están concibidas para diferentes públicos e permitirán descubrir, con acompañamento especializado, os principais recursos naturais e patrimoniais de cada concello. O prezo de participación é de 5 euros, cantidade que será reembolsada ás persoas participantes que pernocten nun establecemento de aloxamento do Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés.
O calendario completo, así como os horarios, os puntos de encontro e o nivel de dificultade de cada roteiro, pode consultarse nas páxinas web rutasquexeneran.gal e conocegalicia.es.
Programa de roteiros:
· A Bola: Ruta Inclusiva de Verea Vella
· A Merca: Ruta da Broa
· Bande: Camiño de San Rosendo
· Cartelle: Ruta do Santo
· Celanova: Ruta dos Petroglifos de Freixo
· Entrimo: Ruta do Pan
· Gomesende: Ruta dos Escudeiros do Val
· Lobeira: Serra do Leboreiro e A Cabreira
· Lobios: Ruta Termal
· Muíños: Ruta do Torrente do Salgueiro
· Padrenda: Ruta dos Muíños do Gorgua
· Quintela de Leirado: Ruta do Miradoiro
· Ramirás: Ruta das Tres Capelas
· Verea: Ruta do Ruxidoiro

