O presidente provincial, Luis Menor visitou hoxe, xunto ao alcalde do municipio, Manuel Pérez, o complexo deportivo municipal e os terreos onde se adecuará a contorna da futura Residencia de Maiores, entre outras actuacións levadas a cabo en Padrenda co apoio da Deputación
A institución provincial destinará 1.354.844 euros ao municipio de Padrenda ao longo deste mandato, dos cales 768.844 pertencen ao Plan CooperOU, “a gran ferramenta de financiamento local que puxemos en marcha este mandato que garante fondos estables, transparentes e directos aos concellos”, dixo Menor
Pola súa parte, o alcalde de Padrenda agradeceu ao presidente da Deputación a súa “especial sensibilidade” para atender as demandas do concello demostrando que coñece de primeira man “os retos e as dificultades que ten xestionar un municipio rural”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor visitou hoxe o concello de Padrenda xunto ao seu alcalde, Manuel Pérez e membros do goberno municipal, para coñecer de primeira man diversos proxectos e infraestruturas clave desenvolvidos en colaboración coa institución provincial.
A xornada incluíu unha visita ao complexo deportivo “A Bandexa” de Padrenda, un espazo integrado que aglutina o polideportivo, o campo de fútbol, as piscinas municipais, un parque infantil, pistas de pádel e tenis, así como unha zona recreativa e de descanso para o lecer familiar.
Durante o percorrido, no que puideron comprobar o avance das actuacións orientadas a dinamizar o medio rural e mellorar os servizos á veciñanza, desprazáronse ata onde se levarán a cabo os traballos de limpeza, acondicionamento e adecuación da contorna da futura Residencia de Maiores.
Luis Menor dixo que a traxectoria e experiencia do goberno local permítelles traballar cunha “folla de ruta clara e unha visión global do concello realizando unha xestión planificada, con proxectos con sentido e con futuro para Padrenda”.
Así mesmo, subliñou que este tipo de visitas permite corroborar que “estamos no camiño correcto”, destacando a visión municipalista da Deputación cun apoio constante aos concellos da provincia para mellorar o benestar e o día a día da veciñanza de Ourense.
Pola súa parte, o alcalde de Padrenda agradeceu ao presidente da Deputación a súa “especial sensibilidade” para atender as demandas do concello demostrando que coñece de primeira man “os retos e as dificultades que ten xestionar un municipio rural”. Destacando, así mesmo, a importancia da colaboración da Deputación para poder sacar adiante “proxectos clave” que cos recursos do concello non serían “asumibles” e que melloran a calidade de vida da veciñanza.
Plan CooperOU: unha gran ferramenta de financiamento local
A Deputación de Ourense destinará 1.354.844 euros ao municipio de Padrenda ao longo deste mandato, entre os cales 768.844 euros achegaranse a través do Plan CooperOU, “a gran ferramenta de financiamento local que puxemos en marcha este mandato que garante fondos estables, transparentes e directos aos concellos”, dixo Menor.

