A Deputación mobiliza preto de 800.000€ para acondicionar estradas en Lugo, O Corgo, O Saviñao e Abadín

Redacción

– Aprobado un convenio co concello da Fonsagrada por máis de 40.000€ para adquirir uns terreos situados ao carón do polígono que permitirán completar esta infraestrutura

– Adxudicado o contrato de patrocinio do Caudal Fest 2026 que ascende ata os 80.000€, un 60% máis do que se destinou desde a institución provincial en edicións anteriores

– García Porto fixo balance dos procesos selectivos que está a desenvolver a institución provincial “para incorporar novo persoal e seguir reforzando o cadro de persoal”. Esta semana celebrouse o primeiro exercicio para cubrir 37 prazas de bombeiro, mentres que este venres tivo lugar a primeira proba para cubrir 14 prazas de administrativo

A xunta de goberno da Deputación de Lugo mobilizou este venres 791.911,01€ para acondicionar cinco estradas provinciais nos concellos de Lugo, O Corgo, O Saviñao e Abadín. Unha inversión que a voceira socialista do goberno enmarcou “na nosa aposta por seguir mellorando a mobilidade da provincia”. Así o informou na rolda de prensa posterior á reunión semanal que tivo lugar no Pazo de San Marcos.

“Hoxe licitamos novos proxectos por máis de medio millón de euros para realizar melloras en estradas provinciais da comarca de Lugo e da Ribeira Sacra”.

Un dos acordos foi licitar por case 440.000€ o acondicionamento de dúas vías entre O Corgo e Lugo. Por unha banda, arranxarase un treito de case seis quilómetros da vía LU-P-2918, que une Lugo coa parroquia de Adai. Por outra parte, acondicionarase un tramo de dous quilómetros da LU-P-2922, que vai desde Carballido ata Nadela.

O prazo de execución dos proxectos que se licitan será de catro meses unha vez comecen as obras.

No Saviñao mellorarase a totalidade da LU-P-5809, que vai desde Escairón ata Madredauga. O orzamento é de máis de 150.000€ e os traballos cos que se acondicionarán os case catro quilómetros desta vía consistirán na reapertura de cunetas, saneamento da explanada, reparación de danos e reposición da sinalización vertical.

Na reunión desta mañá tamén se adxudicou un proxecto por máis de 200.000€ a CHOLO SL para arranxar dous treitos de dúas estradas en Abadín. Un tramo de case quilómetro en medio da LU-P-0101 que une o núcleo de Gontán con Ferreira do Valadouro. O outro treito, tamén de algo máis dun quilómetro e medio, correspóndese á LU-P-3106, a vía que une Os Remedios con Romariz.

Os traballos tamén contan cun prazo de catro meses desde o seu inicio e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización.

Por último, con respecto a cuestións que teñen que ver coa rede de estradas, aprobamos a licitación por 110.000€ de cinco vehículos para o parque móbil provincial destinados ao servizo de vías e obras.

“Como sabedes, a mellora da mobilidade é unha prioridade para este goberno porque entendemos que unha rede de estradas segura e ben acondicionada permítenos conectar mellor os nosos concellos, facilitar o acceso aos servizos e xerar oportunidades, especialmente no rural. E todo isto facémolo, tal e como o demostramos en cada xunta de goberno, goberne quen goberne. Esa é a nosa forma de traballar: sen importar a cor política”, salientou a voceira socialista.

Pulo ao polígono da Fonsagrada

A xunta de goberno aprobou un convenio co Concello da Fonsagrada por algo máis de 40.000€ para continuar avanzando na posta en marcha do polígono industrial. Con esta aportación, o Concello poderá adquirir uns terreos situados ao carón do parque empresarial, que se incorporarán a esta actuación e permitirán completar esta infraestrutura.

García Porto recordou que “a Deputación leva tempo comprometida con este proxecto. A finais do ano pasado adxudicamos as obras por un importe de 2,5 millóns de euros e ademais, financiamos con 36.000 euros a redacción do proxecto e achegamos 600.000€ para a súa realización”.

Neste momento, as máquinas están a traballar para a construcción desta infraestrutura que responde a unha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da comarca, xa que permitirá que as empresas locais sigan crecendo e que poidan instalarse novas iniciativas.

Impulso ao sector agroalimentario

Na reunión desta mañá tamén se deu luz verde a unha subvención excepcional por algo máis de 200.000€ para apoiar o programa Lugo, Valor Agroalimentario que desenvolve a Fundación Agroalimentaria de Galicia. Esta organización sen ánimo de lucro, impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo, busca fomentar e dinamizar o sector agroalimentario de Galicia.

Con esta colaboración bianual, que se realizará durante o 2026 e o 2027, articúlase un programa en dúas grandes liñas:

– Por unha banda, a internacionalización, coa que se apoiará as empresas agroalimentarias lucenses na apertura de novos mercados e na procura de novas oportunidades comerciais. Para iso, desenvolveranse accións de prospección e encontros empresariais en distintos países, facilitando que as empresas lucenses poidan establecer novos contactos, diversificar a súa actividade e acceder a mercados con potencial de crecemento.

– E, por outra banda, apostarase polo emprendemento e pola capacitación, acompañando de novos proxectos e persoas que queiran desenvolver iniciativas dentro do sector agroalimentario. Aquí inclúense programas como o Agrobootcamp 2026 e Leite con Valor 2027, que permitirán traballar con proxectos empresariais, ofrecer formación e asesoramento e impulsar novas ideas relacionadas coa innovación, a dixitalización, a sustentabilidade ou a diversificación da actividade.

“En definitiva, o obxectivo é aproveitar todo o potencial que ten o sector agroalimentario da nosa provincia para xerar máis actividade económica, pero tamén para xerar emprego estable e novas oportunidades de futuro”, avanzou Pilar García.

Máis apoio ao Caudal Fest

Por último, adxudicouse o contrato de patrocinio do Caudal Fest 2026 que ascende ata os 80.000€, un 60% máis do que se destinou desde a institución provincial en edicións anteriores.

“O apoio a este festival, que se celebrará a vindeira fin de semana, responde ao importante retorno que xera para a cidade. Na edición do 2025 reuniu a máis de 40.000 persoas e acadou, segundo os datos facilitados pola promotora, un impacto económico estimado de 15 millóns de euros. Ademais, xerou máis de 1.000 postos de traballo directos e outros 1.000 indirectos, con especial repercusión en sectores como a hostalería, o comercio e o transporte”, rematou a Voceira socialista.

A Deputación reforza o seu cadro de persoal

Antes de rematar a rolda de prensa García Porto fixo balance dos procesos selectivos que se están a desenvolver na institución provincial “para incorporar novo persoal e seguir reforzando a nosa cadro de persoal”.

Esta semana celebrouse o primeiro exercicio da oposición para cubrir 37 prazas de bombeiros, un proceso ao que se presentaron 233 persoas, das que 166 (o 70%) superaron a proba.

Igualmente, este venres celebrouse o primeiro exercicio para cubrir 14 prazas de persoal administrativo, ás que se presentaron 66 persoas.

García Porto explicou que, “na actualidade, a institución provincial conta con 558 traballadores, pero ao longo de 2026 está previsto que se produzan 21 xubilacións. Por iso continuamos levando a cabo procesos que permitan garantir o relevo do persoal, a estabilidade do cadro de persoal e o correcto funcionamento dos servizos públicos que presta a Deputación”.

Comparte este artigo