O presidente da Deputación, Luis Menor, presidiu hoxe en Celanova o acto de entrega destas axudas, que incrementaron a súa contía total ata os 50.000 euros, amosando unha vez máis “o compromiso deste goberno co deporte provincial”
Os premiados representan a un total de 18 disciplinas que, baixo o lema “Eu son deportista de Ourense”, comparten algo fundamental: “o esforzo, a constancia e a ilusión polo deporte”, sinalou Menor
No transcurso do acto concedeuse tamén o recoñecemento á traxectoria deportiva a José Luis Estévez Camiña, unha figura imprescindible na historia do baloncesto local ao converterse no primeiro árbitro ourensán en acadar a Liga ACB
Celanova, 11 de setembro de 2026.
A Deputación recoñece o talento e o esforzo de 60 deportistas ourensáns na entrega das bolsas provinciais para modalidades individuais, acto presidido hoxe polo presidente provincial, Luis Menor, no Pazo “A Fábrica” en Celanova.
Nesta convocatoria, o goberno provincial reforzou o seu apoio ao deporte ourensán incrementando a contía total do programa ata os 50.000 euros, beneficiando directamente a un total de 60 atletas de 18 disciplinas.
Entre os deportistas galardoados atópanse representantes de modalidades tan diversas como piragüismo, halterofilia, bádminton, ximnasia e trampolín, ciclismo BTT, tiro olímpico, atletismo, loita, pesca, escalada, boxeo, salvamento e socorrismo, parapente, wushu, taekwondo e baile deportivo-breaking.
Baixo o lema “Eu son deportista de Ourense”, os protagonistas comparten algo fundamental: “o esforzo, a constancia e a ilusión polo deporte”, destacou Menor, quen puxo en valor a importancia destas axudas “non só por ser un apoio económico, senón porque nos permite recoñecer eses valores”.
Neste sentido, o presidente provincial salientou os sacrificios que hai detrás de cada carreira deportiva e quixo estender o agradecemento ás familias, adestradores e clubs, aos que definiu como “o alicerce invisible pero imprescindible” dos éxitos dos atletas.
No transcurso do acto concedeuse tamén o Recoñecemento á Traxectoria Deportiva a José Luis Estévez Camiña, unha figura imprescindible na historia do baloncesto local ao converterse no primeiro árbitro ourensán en acadar a Liga ACB. Con esta mención, réndese homenaxe á súa dilatada carreira no arbitraxe español, destacando a súa achega ao deporte e o seu papel como referente para as novas xeracións de deportistas que hoxe reciben estas axudas.
Compromiso firme e mellora de infraestruturas
O presidente do goberno provincial aproveitou a xornada para reafirmar a vocación da Deputación pola promoción da actividade física e os seus valores de “convivencia, solidariedade e integración”. Menor fixo balance das accións levadas a cabo neste mandato, destacando os 7,2 millóns de euros investidos na modernización e mellora dunha trintena de instalacións deportivas na provincia, así como o alcance de iniciativas consolidadas como o programa de Fomento Deportivo, presente en 91 concellos e con máis de 6.200 participantes, ou as Copas Deputación que mobilizan a preto de 20.000 deportistas.

