A Xunta celebra que Galicia sexa a sede da saída oficial da vindeira edición de La Vuelta no Marco da programación do Xacobeo 2027

Redacción

Marcos Gómez Román destacou o valor deste evento deportivo como escaparate internacional para a promoción da celebración do vindeiro Ano Santo

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román,  participou esta mañá nunha rolda de prensa xunto ao director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, na que se anunciou que Galicia será a sede da saída oficial de La Vuelta 27. Marcos Gómez Román celebrou a decisión adoptada pola organización do evento e subliñou que esta formará parte da programación do Xacobeo 2027 conformada por unha axenda dirixida a todos os públicos e que situará Galicia no punto de mira para milleiros de peregrinos e visitantes.

O comisario do Xacobeo 2027 asistiu en Granada á última etapa e á entrega de premios da 81ª edición de La Vuelta 2026, unha proba patrocinada por Turismo de Galicia que reforza a aposta da Xunta polo deporte como ferramenta de promoción e proxección internacional do territorio.

A súa presenza permitiu destacar a estreita relación de Galicia coa proba ciclista e o potencial dun evento internacional para asociar a súa imaxe cos recursos turísticos e patrimoniais do destino galego. Entre as accións de colaboración, inclúese o apoio do maillot branco que recoñece o ciclista menor de 26 anos mellor situado na clasificación xeral.

Galicia mantén unha longa e estreita vinculación con La Vuelta. O territorio acolleu, ata a edición de 2025, 93 saídas e 82 metas de etapa, ademais de ser saída oficial da carreira en oito ocasións. Unha traxectoria que contribuíu a levar a diferentes puntos da contorna galega a atención de milleiros de espectadores e medios de comunicación que contribúen a proxectar internacionalmente a súa imaxe.

Este ano, La Vuelta percorreu durante 21 etapas un total de 3.275 quilómetros por Mónaco, Francia, Andorra e España. Neste sentido, a presenza do comisario do Xacobeo 2027 en Granada enmárcase nos traballos de preparación do próximo Ano Santo e na estratexia de reforzar a súa dimensión internacional, aproveitando grandes eventos deportivos para continuar posicionando Galicia como un destino ligado ao patrimonio, á natureza e o turismo activo.

Comparte este artigo