A Xunta pon en valor a capacidade da Campaña Estraordinaria do Centro Comercial Urbano AEVER para dinamizar o comercio local en Verín

Redacción
  • O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na presentación da iniciativa do Centro Comercial Urbano Aever, unha das cinco campañas extraordinarias que apoia o Goberno galego dentro das axudas a centros comerciais abertos
  • A proposta terá como acto central a Gala do comercio local de Verín, prevista para o próximo 2 de outubro e que permitirá poñer en valor o tecido comercial de Verín e promover a innovación, a profesionalización e a participación da cidadanía

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe en Verín na presentación da campaña extraordinaria promovida polo Centro Comercial Urbano Aever, que terá como acto central a Gala do comercio local de Verín, prevista para o próximo 2 de outubro. A iniciativa forma parte das cinco campañas extraordinarias apoiadas pola Xunta este ano por seren as mellor valoradas na convocatoria na que se apoiaron un total de 56 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global superior aos 2,35 M€. A estas cinco propostas o Executivo autonómico destinará un importe total próximo aos 100.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.

No caso de Verín, a campaña terá como eixo central unha gala concibida para recoñecer e poñer en valor o tecido comercial da vila como parte da súa memoria colectiva e da súa vida cotiá. O encontro permitirá visibilizar tanto os establecementos cunha longa traxectoria como os novos proxectos comerciais, poñendo o foco na capacidade de adaptación, innovación e mellora constante dos negocios de proximidade.

A Gala do comercio local de Verín combinará espectáculo e música en directo coa entrega de premios en diferentes categorías, entre as que se incluirán a traxectoria, a dinamización comercial, a innovación e a profesionalización, ademais dun premio especial outorgado polo público. Deste xeito, a iniciativa busca recoñecer o traballo desenvolvido polos comerciantes, dar visibilidade ás boas prácticas e contribuír a xerar orgullo e sentimento de pertenza arredor do comercio local.

A campaña contará tamén coa participación directa da cidadanía a través de premios vinculados aos tíckets de compra. Así, os consumidores que apoien os establecementos participantes poderán optar a diferentes recoñecementos ou vantaxes adicionais, reforzando a conexión entre o acto de mercar no comercio local e a dinamización da propia vila.

O director xeral destacou a capacidade desta proposta para combinar recoñecemento, participación cidadá e promoción do consumo de proximidade, convertendo o comercio nun elemento fundamental da actividade económica e social de Verín. Neste sentido, puxo en valor o compromiso de Aever cun sector que, ademais da súa achega económica, contribúe á vitalidade das rúas, á xeración de emprego e á construción da identidade da vila. Precisamente durante o acto tamén se procedeu ao sorteo dos premios da campaña Volta ao cole, coa extracción dos tres cheques de 50 euros entre as persoas participantes.

Comparte este artigo