O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na inauguración do “AJE Box”, un espazo expositivo itinerante instalado na contorna da Subdelegación do Goberno que promocionará a unha trintena de empresas ourensás
O proxecto, que conta co apoio da Deputación a través da liña de axudas do Inorde para a promoción do comercio de proximidade, amosa a capacidade de innovación de AJE Ourense cunha iniciativa que “mestura a proximidade da rúa co alcance do mundo dixital”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración do proxecto “Comercio Vivo”, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense para dinamizar e dar visibilidade ao comercio local e de proximidade. No acto inaugural tamén participaron a presidenta de AJE Ourense, Noelia Rodríguez Aparicio, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
Este proxecto conta co apoio da Deputación, a través da convocatoria de subvencións do Inorde destinada á dinamización e promoción do comercio local para asociacións de comerciantes e empresariais da provincia.
Luis Menor destacou que “o comercio local dá vida ás nosas rúas, xera emprego, fixa poboación e mantén a identidade de Ourense”, subliñando que para o goberno provincial apoiar a este sector “é unha prioridade absoluta”. O presidente provincial valorou positivamente a capacidade de innovación de AJE Ourense ao poñer en marcha unha “estratexia integral que mestura a proximidade da rúa co alcance do mundo dixital”.
Un escaparate vivo na rúa e contido dixital
O elemento central da campaña é o “AJE Box”, un contedor marítimo acondicionado como espazo expositivo que estará situado na contorna da Subdelegación do Goberno en Ourense desde hoxe ata o día 27 de setembro, desde as 10.00 ás 21.00 horas, de luns a domingo.
Este escaparate móbil cederase de forma rotatoria e gratuíta a preto de 15 empresas asociadas para que poidan expoñer os seus produtos, presentar servizos e atender directamente á xente.
Ademais da actividade presencial, a iniciativa inclúe unha intensa campaña en redes sociais con contido audiovisual e publicidade dixitais. Isto permitirá que outro grupo de empresas sen presenza física no contedor tamén participe a través de vídeos de presentación, acadando un impacto directo nunhas 30 empresas e indirecto no conxunto dos asociados de AJE.
Por último, Luis Menor animou á cidadanía a achegarse a este espazo durante as vindeiras dúas semanas para coñecer de preto “o talento dos xoves empresarios ourensáns” e amosar o seu apoio ao comercio de proximidade.

